Opinión

Mestre

QUÉROCHE dar as grazas. Publicamente. Porque grazas a ti son o que son. Saíuche o tiro pola culata. Pregúntome qué sentías cando me retiñas as notas finais ata que che viña en gana, e cando xa as deixabas en secretaría atopábame cun Non presentado tendo feito o exame e ía preguntar por que ao departamento e levantabas o bigote, mordías o beizo de abaixo e decías: "Pfff… jijijijjj…Estaría tan mal que sería coma se non o fixeras". Aínda che estou vendo a cara cando o lembro. E fai máis de 30 anos. Sentado no despacho, a cabeza case a ras da mesa, co pelo canoso, o bigote canoso, os ollos avermellados: "Podo reclamar?" "JIjijiiijjj….Podías. Pero xa che pasou o prazo". "En febreiro non te presentes, porque non te vou aprobar». «Bueno, non es tan tonta como pareces". "Este traballo está para un dez, pero está demasiado ben feito para que o fixeras ti, así que para min coma se non o fixeras"…E un longo etcétera.

Parecíasme tan miserable e tan patético, con toda esa fachenda e esa superioridade, que me daba gana de rir. De rir a gargalladas. E dábasme tal noxo que rabiaba por cuspirche á cara. E ti seguramente pensando que che tiña medo, "pobriña infeliz". A estes infelices é aos que hai que machacar… Pois non, nen te respectaba nen che temía. Simplemente non che cuspía por respecto aos meus pais, que morrerían de vergoña se o fixera.

Pero verdadeiramente es dos que deixa pegada. Pola túa mezquindade. "Non pensedes que vos ides librar de min. Cando acabedes as carreiras habedes ter que pasar todos polas miñas mans. Jijijijjjj" Cando cheguei a Santiago a matricularme na séptima convocatoria a rapaza de secretaría díxome: "Outra? Éravos mellor contratar un autobús". Si. Non fun eu soa. Fomos moitos. Os que pareciamos tontos, supoño. E ti tan listísimo!! Con tantos títulos! Licenciado de non sei que, catedrático de non sei canto, tutor de non sei que máis, representante de sabe Deus que cousa sabe Deus onde… Un cuarto de hora de títulos. E un día vinte na televisión, nun programa de debates. Dando leccións. E outra vez me deu a risa. Hai que ver como está o mundo! E por baixo aparecía algún dos teus títulos. Non, se labia tiñas. E cando te poñías ata parecías agradable e todo. Moito falar para non dicir nada. Entendíase todo o que decías pero ninguén tiña idea do que querías dicir. Por iso de novo non te escoitei.

E aquela vez que lle dixeches a Adela, rubiña, baixiña, coa bolsa dos libros colgando do ombro: "Aínda che ha arrastrar no suelo, nena, es tan grande…" "Non me fai falta subirme a una banqueta para darche una hostia". Jajaja. Suspensa ata entón, aprobada a partir daquel día. Carácter.

Eu quería ser mestra. Dende pequena. Pero tropecei contigo e a simple idea de que algún día eu poidera chegar a facer tanto dano sacoume a gana. Tardei 25 anos en ir recoller o meu título de diplomada. E penso que tería sido unha boa mestra. Síntoo por quen non me disfrutou. Pero grazas a ti a miña vida colleu outro rumbo. E quero darche as grazas. Por todo o que aprendín no meu traballo. Por todo o que vivín. Por todo o que me ensinan a diario os que a sociedade e a xente coma ti empuxan á miseria. Cada día danme leccións que ti, con tantos títulos que tiñas e nos recitabas, non fuches capaz de dar.

E de paso direiche que o ano da túa materia pendente foi un dos máis aproveitados da miña vida. Así que (non che direi amigo) GRAZAS. MOITAS GRAZAS. E, se Deus existe, algún día pasarás polas miñas mans.

Chelo S. D

Comentarios