Opinión

Os ceos de Adolfo Domínguez

ESTABA FACENDO cola para comprar o pan en Recatelo, baixo ese ceo gris marengo que nos gobernou este venres 

Un amigo que traballa en Medio Ambiente reveloume que Ángeles Vázquez, a conselleira de Melide, encarga o tempo de cada mes a un deseñador. Xabier díxome en voz baixa: "Estamos no mes de Adolfo Domínguez". El despreza os modistos ourensáns. Parécenlle aburridísimos e castos cantores de gregoriano. Está convencido de que unicamente usan tintes marróns e negros por aforrar. "Menos mal que lle concederon o verán a Kina Fernández e temos algún azul e a algún amarelo", suspira o meu amigo. Kina é do Bolo, pero a Xabier non lle parece ourensá.

Cando me tocou entrar na panadería vin que saía un sacerdote. O detalle mellorou a miña confianza no pan de Antas de Ulla que como cada día. Descubrín que lle podo falar en latín por ser o mesmo pan consagrado que se usa nas misas trindentinas da igrexa do Carme.

Pepa, a panadeira, anotoume torta e media para esta fin de semana no seu caderno de bitácora. Ergueu a vista horrorizada ao ver a data: "Xa estamos subindo ao estribo desbocado de febreiro!". A diferenza dela, desexo que o calendario varra ese mes manco de días e nos deposite en marzo. Aspiro a rehabilitar a vida de antes. Lembro que era marabillosa.

A neurocientífica Sonia Villapol contaba o venres neste xornal que  poderíamos volver a respirar coma acordeóns no outono. Sonia é filla do meu querido Fernando Villapol, señor de Bretoña. Cando o atopaba diante do Arquivo Provincial, en Ramón Ferreiro, falabamos da pandemia que estoupou en Lugo en xullo de 1698, que mesmo nos levou ao bispo Miguel de Fuentes. Non foi ata que se consagrou a virxe da Soedade, en setembro, "que se alcanzó del Dios de las misericordias el perdón de sus hijos y cesó la peste". 

Comentarios