Opinión

Da literatura tamén se sae

FRANCIA TIVO como ministro de Cultura o escritor André Malraux, Galicia tivo como conselleiro de Cultura o escritor Alfredo Conde. Ambos feitos son exemplos que explican a diferenza de tamaño entre ambas as culturas.

Estaba onte mesmo lendo na cociña a Allen Ginsberg. No poemario ‘Kaddish’ (Anagrama’) conta á súa visita ao cemiterio parisino de Père Lachaise en 1957 para visitar a tumba que tivo Apollinaire grazas a Picasso e Matisse. Ginsberg repróchalle ao poeta galo que sabía que "os políticos clasicistas invadirían Montparnasse sen sequera unha ramiña de profético loureiro que reverdecese as súas frontes".

Os políticos clasicistas estarían daquela preocupados por invadir os ámbitos da cultura, pero os políticos modernos carecen dese interese. Camiñan un paso por atrás da sociedade para satisfacer o desexo dos votantes e os votantes non camiñan cara á cultura.

O escritor Marcos Calveiro deixou a escrita de novelas para montar unha cafetería dándonos unha lección de superación persoal

Houbo quen soubo velo e salvarse a tempo. O novelista Marcos Calveiro acertou a abandonar a avogacía pola literatura en 2010 e en 2015 cambiou a literatura pola hostalería. Despois de publicar vinte libros, estes días abre un café en Vigo. Calveiro confesa con naturalidade en Biosbardia: "Escribir deixou de ser imprescindible para min". De feito, confesa leva dous anos de abstinencia. "Xa non me desacouga pensar que quizais non volva ser escritor".

Hai quen aínda sitúa a literatura -a súa literatura, enténdase- sobre un cumio que a cidadanía debe frecuentar. O problema dos cumios é que a xente nunca mira para arriba, que anda enredada na súa cotidianeidade das súas miudezas.

Allen Ginsberg confesou que lle levou un tempo atopar a tumba de Apollinaire. Poida que nuns anos sexa máis doado dar coa sepultura de Apollinaire que coa cultura galega. A sepultura do poeta é un menhir de pedra erecta deseñado por Picasso -"un falo a medio terminar", opinou Ginsberg- e financiado por este e máis por Matisse.

Ambos os artistas plásticos axudaron a elevar e ampliar a creación francesa, que acadou tal dimensión que Charles de Gaulle, aínda sendo un político clasicista, creou un Ministerio de Cultura -e puxo á fronte do que puxo a Malraux, case nada-. De Gaulle estaba quitando o país do lameiro da Segunda Guerra Mundial cando creou o ministerio. Reverdeceu a súa fronte cun loureiro profético.

O pasado sábado sentín falar polo longo sobre cultura e prioridades políticas, asuntos contrapostos. Asistín á entrega de premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega no Círculo de las Artes, en Lugo. A tarde presentouse morna e luminosa, e aínda topei varios dos amigos que conservo de cando rezaba cada noite para pedir pola cultura galega.

A entrega de premios semellaba unha xuntanza de enfermos terminais a darse pulos e a botarlle a culpa aos virus

O acto, como todos os actos de cultura en Galicia, semellaba unha xuntanza de enfermos terminais intentando darse ánimos e botando á culpa ao virus. Os virus eran a Consellería de Cultura e os medios de comunicación, sen que se poida establecer unha gradación por severidade de culpa.

Non faltou a etiqueta nacional na celebración: varias elegantes invocacións a Rosalía. Dun tempo a esta parte a escritora revelouse para a nosa elite intelectual coma "espello de xustiza, trono da sabedoría, causa da nosa alegría, rosa mística" que oraba eu nos rosarios carlistas da infancia. Seica non temos outro quen citar. Ben, Castelao é bastante socorrido. Calquera día acordan de Celso Emilio e mesmo amosan vangardismo e citan a Ferrín. Non pido xa un Lois Pereiro. "Precisamos ser modernos!", berraba Rimbaud coma se pensase na cultura de Galicia.

O presidente da Asociación de Escritores, Cesáreo Sánchez Iglesias, acordou dalgunhas reivindicacións entre parágrafos literarios que eran prescindibles en atención ao seu cargo e ao acto no que os pronunciaba. Con todo, acertou ao reclamar que a Xunta reactivase dúas iniciativas urxentes: o plan do libro e unha estratexia para a lectura.

Ao escoitar esas referencias, remexínme na cadeira que ocupaba no poleiro do Círculo de las Artes. Mesmo incorporeime coa seguinte denuncia que lanzou. "Hai poucos escritores na nosa nación que vivan da nosa profesión". Como pareado é mellorable, pero non acabo de saber a quen se refería. A Manuel Rivas? A Yolanda Castaño? Dubido de que teñamos algún escritor que poña o tique da Ora e compre unha ‘smart tv’ grazas á súa escrita. É máis doado dar coa tumba de Apollinaire.

Aplaudo que a Asociación de Escritores organice un obradoiro de literatura alí onde atope a caloriña dunha axuda pública

Ignoro se Sánchez Iglesias facía un reproche "ao vento malvado" que levaba coma " unha folla morta" a Verlaine ou chamaba a atención da Xunta, pero a asociación que lidera debería ter algo que ver na falta de profesionalidade.

Aplaudo que a Asociación de Escritores organice un obradoiro de literatura alí onde atope a caloriña dunha axuda pública e mesmo que chante menhires nas vilas dos socios senlleiros. A maiores, non estaría de máis que se preocupase de revisar os contratos de publicación, as edicións e reimpresións, ou mesmo de denunciar as editoriais que esquecen o bonito detalle de liquidar dereitos de autor, que algunhas hai. Poderían, tamén, procurar axuda para os escritores que se resignaron a acomodarse na miseria e padecen doenzas como a enfermidade ou a soidade.

Pero non todos cren que unicamente a Xunta teña a culpa deste esmorecer da cultura galega. Roi Vidal, que recolleu o premio de Teatro, concluíu que "hai unha brecha grande entre o sistema cultural e o sistema mediático".

Outra galardoada, a xornalista Montse Dopico, desenvolveu un alegato sen piedade para remarcar "a cada vez máis escasa presenza da cultura nos medios de comunicación". A solución que achegou foi "demostrar que a cultura interesa, que hai demanda". Ao primeiro, pensei que bromeaba.

E, claro, escoiten vostede estes reproches para ter que escribir páxina e media de xornal sobre os premios que concede a Asociación de Escritores. Renuncie a un ameno partido de benxamíns ou a facer a compra semanal no Gadis para que lle embarren así o esforzo. Asumo que non abonda con que os profesionais informemos sobre cultura galega, tamén ten que parecelo; como se fosemos mulleres do César.

Cando saín do Círculo de las Artes, sentín un vento frío como o que corría polo cemiterio de Père Lachaise naquela tarde de 1957. Houben de acomodar sobre os ombros "a capa negra da poesía francesa", como fixera Allen Ginsberg diante da tumba de Apollinaire.

Comentarios