Opinión

Todo está perdoado

Esta semana resucitaron dúas persoas. Un percebeiro botou dúas horas somerxido na auga fría e nocturna que rodea a illa de Toralla. Dous gardas da Confraría de Vigo querían detelo. Cando o descubriron ocupadísimo no furtiveo meteuse na auga. Imitou a Xesús cando entrou no río Xordán para que Xoán lle botase auga pola cabeza. O percebeiro agardaba un bautista que borrase a súa vida de furtivo. Os vixilantes deberían perdoalo por estar metido no mar, cos pés anestesiados.

Outro home de Vigo, subscribiu un seguro de vida. Pouco tardou en morrer. Tivo sorte na desgraza. Un residente en Colombia pediu asilo político. Un policía vigués comprobou que as pegadas dactilares do finado e o solicitante coincidían. Había que perdoalo polo enxeño e polos trámites.

Fantasío con ingresar no Hula para que me provoquen un coma. Botaría dous anos durmido para acordar en 2022. Daquela, collería un taxi de color branco resurrección que me deixaría na avenida de Ramón Ferrreiro. Entraría na casa, onda a muller e os fillos me recibirían como se chegase da incubadora; volvería ao traballo, onda os compañeiros serían dous anos máis canosos. Aforría dúas veces os impostos ao tráfico rodado que me cobra Lara, madrugar para exprimir laranxas ao cativo, agardar cola para entrar no cinema e, sobre todo, facerme unha PCR. Esas siglas parecen dun partidiño de esquerda radical da Transición, cando espertou a democracia hibernada.

Vou tratar de facerme cos teléfonos do percebeiro axelado e do morto represaliado polas súas ideas. Convidareinos a unha fonte de marisco, a bebermos auga da fonte clara que mana unha vida renovada. Ese auga exime de repetir o bautismo e expía pecados como pretender que non es un furtivo ou un estafador.

Comentarios