Opinión

Cambiar por cambiar

ESTE ANO os medios de comunicación van prestar máis atención ás probas de Selectividade que comezan a semana que ven, porque probablemente sexa esta a última convocatoria. A min xa me queda lonxe aquela data na que, xunto con catro amigos, fun a Santiago a facer as probas de acceso á universidade. Co paso do tempo, a miña profesión levoume a seguir vinculado a estes exames, tanto como corrector como en outras tarefas de organización. Desde dentro, é como se ve a complexidade que foi adquirindo este proceso. 

Na actualidade, os alumnos poden presentarse en varias localizacións das catro provincias, mesmo nalgunha cabeceira de comarca. Deste xeito, as probas celebranse máis preto do lugar de residencia dos inscritos, o que supón comodidade e mellor rendemento. Pero, ao tempo, require por parte da comisión interuniversitaria un maior esforzo organizativo no que moi pouca xente repara. Os exames, que apenas duran tres días, e as cualificacións, que se outorgan unha semana despois, teñen detrás un amplo equipo humano que está a traballar practicamente todo o ano. Non se pode improvisar, cando estamos a falar de case cen mil exames, que hai que elaborar, distribuír e puntuar nun tempo record, garantindo loxicamente un segredo escrupuloso tanto do contido das probas como da identidade dos alumnos. 

Recentemente os reitores das universidades galegas acordaron coa Consellería de Educación que as novas probas de acceso serán semellantes á actual Selectividade. Creo que optaron pola mellor solución malia que, entón, eu me pregunto por que o ministerio foi teimudo en andar trebellando, unha vez máis, no sistema educativo. Non queren que haxa dous cursos consecutivos exactamente iguais, tendo ao profesorado e aos directivos dos centros facendo mil e un esforzos por adaptarse a esta ou aquela normativa. En ocasións, nin as editoriais teñen tempo a preparar os libros de texto. Agora, como se o sistema educativo non tivera outros problemas, veñen de implantar unha serie de reválidas das que todo son incógnitas. No caso dos alumnos de último ano de bacharelato impúxose un dobre sistema, incluíndo un exame de acceso que cada universidade pode deseñar ao seu gusto. 

Pasamos así dun sistema de probada fiabilidade e contrastada experiencia, que permite ao alumno matricularse en calquera centro español para o que teña nota de entrada suficiente, a un galimatías no que o estudante acabará por perder oportunidades por falla de medios e tempo para ir examinándose nos centros que lle interesan. Salvo que tiveran pensado en levalos todos a Madrid. Para un ministro, con mando sobre o Boletín Oficial, non hai nada imposible.

Comentarios