Opinión

Cuba libre

ZAPATERO E Moratinos, formando unha pintoresca parella en misión semi-clandestina, puxeron á Habana, unha vez máis, no centro da noticia. Cuba non é un país grande, ten unha extensión semellante a Portugal ou Guatemala, pero ten unha importancia internacional correspondente a unha grande potencia. Por ela foron á guerra España e Estados Unidos e, más adiante, case houbo un desastre nuclear entre americanos e soviéticos. Desde os anos sesenta, estivo marcada pola figura carismática de Fidel. Pasará á historia xunto con grandes símbolos do século XX como Che Guevara, Luther King ou Nelson Mandela. En torno a el atopamos devotos de todo tipo e condición, como o cineasta Oliver Stone, o escritor García Márquez ou o incomparable Maradona, pasando polo noso Fraga Iribarne. Todos foron á Habana render algún tipo de pleitesía ou recoñecemento a este barbudo de orixes lucenses.

Todos foron á Habana render algún tipo de pleitesía ou recoñecemento a este barbudo de orixes lucenses

Claro que entre os adoradores, destacou con luz propia Hugo Chávez, que chegou a ver en Fidel a un santo do ceo. Pero xente máis templada que o presidente venezolano mesmo chegou a facer branco o negro por mor de defender ao líder cubano e a súa revolución. O ano pasado estiven de conversa con Ignacio Ramonet, fillo da nosa terra que triunfou máis aló das fronteiras. Sen ser fanático, é un home crítico co capitalismo, cos Estados Unidos, as democracias occidentais e causas varias; pero cando se trata de Cuba non agroma máis que o eloxio.

Na súa biografía de Fidel Castro ou cando escribe en Le Monde Diplomatique calquera referencia ao sistema sanitario cubano ou á paz social e a seguridade son ocasións para gabar a revolución. Nunca se admitirían estes logros para o réxime de Franco, do que sempre se denuncia, por enriba de calquera outra cousa, o seu autoritarismo. Porén, no caso do réxime castrista isto sempre se considera o mal menor. Nunca falta, nesta defensa radical a oportuna comparanza cos outros países de América Latina. Esa é unha liga na que non é difícil destacar. Só consultando a lista de cidades máis violentas do mundo, se comproba que os peores casos están nese continente. Honduras, Venezuela, Colombia, Brasil e México completan un horrible escenario no que Cuba, efectivamente, emerxe como un remanso de paz. Esta é a Cuba que acaba de visitar Zapatero. Hai quen pensa que a viaxe tivo unha axenda secreta, só así se explicaría o ataque de histeria que tivo o ministro Margallo cando soubo da viaxe. Claro que tamén puideron ser celos, porque tamén el quixo cumprir con ese rito de paso que consiste en ver aos Castro na Habana. Pero a el dixéronlle non.

Comentarios