Opinión

Home de proveito

NOS ÚLTIMOS anos, Xapón tentou conxugar o respecto polas tradicións co paso a unha sociedade cosmopolita. Este modelo tivo moitos aspectos positivos, pero tamén levou ao país a sufrir unha longa crise. Unha das peores consecuencias é a baixa natalidade que, en pouco tempo, vaino transformar nun país de vellos, incapaz de soster o tecido produtivo. Precisamente polo apego ás tradicións, Xapón está pechado á inmigración. No mes de xuño fun convidado por dúas universidades dese país e, nos coloquios con profesores e estudantes, unha das preguntas máis repetidas referíase ao fenómeno da multiculturalidade en Europa. Querían saber qué gaña e qué perde un país que recibe a un número importante de estranxeiros.

Dentro dese contexto de desconcerto ante o que estar por vir, o ministro xaponés de educación vén de esixir ás universidades que se concentren nos saberes de tipo práctico. A tal efecto, suxire que eliminen os estudos de letras e ciencias sociais. Argumenta o ministro que, tendo cada ano menos mozos en idade de ir á universidade, terán que orientarse nos estudos relacionados coa tecnoloxía e a economía produtiva. Ese plan de recortes abrangue mesmo a carreiras como dereito e economía, de xeito que apenas quedan en pé as enxeñerías e as titulacións médicas. Unha proposta tan radical non é allea a algúns discursos políticos que tamén se escoitan en Occidente. Precisamente esta semana pasou por Galicia o profesor Nuccio Ordine, que vén de publicar un libro sobre este tema (‘La utilidad de lo inútil’), no que advirte contra un pragmatismo mal entendido no eido do ensino. A proba de que este profesor italiano leva razón está nos argumentos do propio ministro xaponés, cando suxire substituír na universidade os estudos sobre Shakespeare por outros enfocados á tradución entre inglés e xaponés. Esquece que o escritor teatral é tamén un dos pais da lingua inglesa.

Moitos dos termos que hoxe se atopan no dicionario saíron da pluma do xenial dramaturgo. Non se concibe un tradutor que ignore as sutilezas entre a linguaxe coloquial e a culta, a que se emprega na escrita e na oralidade, entre o uso de termos latinos e saxóns; para iso é importante pasar por Shakespeare. Pero, por outra parte, sendo as ciencias exactas iguais para todo o mundo, se tamén son suprimidos os estudos de historia, filosofía ou literatura, os estudantes acabarán por esquecer en qué consiste ser xaponés. Por esa vía, as propostas do ministro Shimomura poden facer moito máis dano á identidade do país que a chegada de traballadores filipinos ou vietnamitas.

Comentarios