Opinión

Lavado de cara

VEÑEN DE CUMPRIRSE trinta anos da declaración de Compostela como integrante da lista de Patrimonio da Humanidade. Naquela altura, a mediados dos oitenta, a cidade tiña certo aire decadente. Tan hostil se volvera para o cidadán que se produciu un auténtico proceso migratorio cara ás novas urbanizacións situadas en concellos limítrofes. Foi entón cando se deu a tripla coincidencia da consolidación da capitalidade autonómica, a declaración da UNESCO e o auxe da peregrinaxe, e a chegada á alcaldía dun alcalde providencial como Xerardo Estévez. Así se salvou Santiago nestas tres últimas décadas dun proceso de degradación do que tantas outras cidades acaban sendo vítimas. A xente fuxe dos cascos históricos, a forza de ser incómodos como lugar de residencia ou como foco de actividade comercial.

Os americanos, pioneiros dun modelo de sociedade que despois se foi estendendo a Europa, déronlle a volta ao dicionario de xeito que termos como céntrico, para eles implica marxinalidade e degradación. O concepto de ‘inner cities’ está sempre asociado a problemas sociais como pobreza, delincuencia e violencia. Pola contra, a palabra suburbio, que para nós ten unha connotación claramente negativa, representa para eles ese outro modelo exportado polo cine, de barrios periféricos ben deseñados e axardinados. A pena é que no caso europeo, este cambio de hábitos de vida de urbanismo levou á ruína a auténticas xoias arquitectónicas. Levará décadas rehabilitar cidades como Lisboa, Porto ou Ferrol, despois de que chegaran a un nivel de degradación moi alto. Mesmo no caso de cascos históricos pequenos e ben delimitados, como o de Lugo, os esforzos de rehabilitación que se teñen feito son insuficientes, e o horizonte non semella optimista. Resulta rechamante que, nunha contorna tan concreta e reducida, delimitada pola muralla romana, unha ampla proporción da superficie estea ocupada por construcións degradadas ou por terreos mortos.

Mentres tanto, a cidade segue devorando terreo rural na súa expansión cara as periferias. Velaí que cando algún edificio emblemático perde a súa función dentro de murallas colócaselle a etiqueta de ilustre ruína, adiando por moito tempo unha posible reconversión para uso cidadán. Non é posible aspirar en todos os casos á categoría de cidade-museo, como son os casos de Florencia, Carcasona ou Bath. É preciso buscar outros modelos alternativos, porque tamén existen, como demostra a perfecta harmonía entre recuperación do patrimonio e uso cidadán que se da en Allariz ou Pontevedra, por non ir máis lonxe.

Comentarios