Opinión

Sorpresas da vida

A CAMPAÑA POLO Brexit tiña todo en contra. Dous dos grandes partidos políticos británicos estaban a favor de seguir dentro de Europa, e só o conservador estaba dividido neste tema. Tamén os sindicatos, a igrexa, e as máis destacadas figuras do deporte e as artes deron a cara para pedir que se votara a favor da permanencia. Pero chegou o día e os británicos dixeron outra cousa. O tradicional illacionismo insular inglés colleu folgos e foi quen de derrotar nas urnas aos partidarios da unión con Europa. Excepto Pablo Iglesias, que entendeu todo o contrario, todo o mundo interpretou que o electorado británico se tiña atrincherado en posicións ultrapatrióticas e xenófobas.

Por motivos similares podería darse o caso de que Donald Trump fora elixido presidente dos Estados Unidos o próximo novembro. Apenas hai voces que o defendan, e o propio Partido Republicano, polo que se presenta, recela dun personaxe que, visto desde aquí, resulta excesivo e maleducado. Ofendeu cos seus comentarios aos veteranos de guerra, aos latinos, aos musulmáns, ás mulleres e a moitos outros colectivos. En circunstancias normais, a súa carreira política tería que darse por acabada. Sen embargo, esa falla de corrección política agocha unha estratexia dirixida a exacerbar e recadar os sentimentos dun tipo concreto de elector. Trump non oculta que apenas se dirixe á clase media e alta, de raza branca e corte conservador. Este é o grupo social que durante toda a vida tivo o control político e social americano. Foi o que sustentou unha política exterior agresiva en defensa dos intereses yankis, e unha permisividade total no asunto da posesión de armas, así como unha resistencia a recoñecer dereitos de minorías como a afroamericana ou a homosexual.

Sempre fixeron fincapé na redución de impostos, malia que isto fora a costa de recortar ou desmantelar calquera política social. Porque o seu credo principal é o de crear unha nación na que cada quen teña o que merece polo seu mérito ou esforzo, nunha sorte de competitividade que deixa á marxe aos fracasados. Chama a atención que o programa electoral da dereita Republicana estea configurada en negativo. En primeiro lugar, destaca o desexo de acabar co sistema de seguridade social que Obama quixo botar a andar. Tamén quere levantar unha imposible muralla de tres mil quilómetros na fronteira con México, así como conxelar as relacións con países como Irán ou China. Máis dun cento de actores de Hollywood veñen de asinar un manifesto contrario a Trump, ao que deron o significativo título de ‘Unidos contra o odio’. Pero como xa se viu en Gran Bretaña, os electores non sempre se deixan arrastrar por unha cara bonita. Ás veces, prevalecen os baixos instintos.

Comentarios