Opinión

Subir ao podio

A MIÚDO SE citan diversos estudos internacionais para argumentar que as universidades españolas ou as galegas non figuran entre as que integran o selecto grupo de elite do mundo, como é o caso de Harvard, Oxford ou Cambridge. Mesmo hai quen opina que os cartos investidos no noso sistema universitario constitúen un derroche para as arcas públicas. Compre salientar, sen embargo, que non figurar entre as de relumbrón non quere dicir que esteamos no furgón de cola, nin moito menos. O feito de que a universidade de Santiago estea situada entre as trescentas máis importantes supón un importante recoñecemento. Hai que ter en conta que, só nos Estados Unidos, hai miles de centros universitarios, que se converten en ducias de miles se consideramos todo o mundo. Por exemplo, o ‘Ranking Web of Universities’, sitúa á universidade compostelá, con campus en Santiago e Lugo, nunha estatística que abrangue máis de 26.000 centros. Loxicamente, habería que contrastar os resultados cos medios empregados. Como ben se sabe, España ven de gañar a Liechtenstein nunha competición oficial de fútbol, un resultado que era de agardar porque o noso país é unha grande potencia nese deporte, e inviste nel como fan os máis grandes. No caso das universidades, como en tantos outros eidos, nunca existiu esa vontade de facer orzamentos para estar na elite e as comparanzas son odiosas. Tampouco as universidades foron capaces de atopar un modelo flexible que lles permitira saír do acubillo que proporciona o sector público, pero que tamén as limita. Non hai máis que comparar o formato das cerimonias de inauguración do curso a ambos lados do charco. O venres pasado celebrouse en Santiago este solemne e sobrio acto de corte fundamentalmente académico, con algún sesgo político pola presenza de diversas autoridades civís ante as que os reitores aproveitan para facer reivindicacións xenéricas. Pero lembro que a comezos do curso 2005 eu facía unha estadía nun dos campus americanos máis coñecidos, o de Cornell, no estado de Nova York, cunha cerimonia moi diferente, na que o convidado de honra era Bill Clinton. Con este motivo, a universidade trataba de atraer a ese acto a un número importante de antigos alumnos que chegaron a postos de importancia social e empresarial. Eles serían os próximos mecenas dunha institución que, por esta vía, destina recursos inxentes á captación de cerebros e a equipamentos docentes e investigadores. Cornell está sempre nos ranking nos dez primeiros postos pero, como xa queda dito, eles xogan noutra liga que, por certo, ata ten nome propio ‘Ivy League’.

Comentarios