Opinión

Tempo de máscaras

RAJOY PEDIULLE a Ana Pastor que colgara a bata de médico e que puxera un casco de obra. Así foi como ela se puxo á fronte da construción de autoestradas e ferrocarrís, tarefa na que aínda está ocupada nestes últimos días do goberno en funcións. Coa mesma disposición, cando fixo falla, puxo un pano de lunares na cabeza para ir vender uns proxectos a Irán. Unha anécdota que nos deixou algunha foto de aire ‘picassiano’ dunha muller, por outra parte, admirable pola súa discreción e capacidade de traballo. Ela sabía que ía a unha zona do mundo na que o rigorismo relixioso impón esa etiqueta, establecendo severos castigos e represalias para as que non respectan a norma. Ata setenta mulleres foron asasinadas en Iraq nun só ano por por deixar o pelo á vista; en Sudán e Arabia Saudí as leis permiten que a policía lles dea latigazos polo mesmo motivo. Claro que as visitas non están obrigadas; Pastor cubriuse porque quixo, por cortesía, como a que aplicaron os italianos diante da visita do presidente iraniano a Italia esta mesma semana. Decidiron agochar as estatuas clásicas para que Rouhaní non fora turbado por escenas de espidos femininos. Todo o mundo se decata de que detrás destes xestos de aparente delicadeza está o pragmatismo político, que se basea en deixar aparcados os principios a favor da consecución duns obxectivos económicos. Así xustificou Pablo Iglesias as súas escuras conexións co mundo fundamentalista. Defensor a ultranza dos dereitos humanos aquí na casa, Iglesias recoñeceu o cinismo que hai en recibir financiamento dos reximes máis autoritarios. O seu colega e amigo grego, Tsipras, ven de traizoar aos seus aliados de toda a vida, os palestinos. Axiña que xurou o cargo de primeiro ministro denunciou a brutalidade do réxime xudeu; antes de que acabara o ano xa estaba en Xerusalén negociando co responsable da represión. Por se alguén pensara que fora una visita casual, en apenas dous meses volveuse reunir con Netanyahu, agora xa para asinar contratos. Así é a política, pero aínda así unha cousa é adaptar os principios e outra ben distinta é prescindir totalmente deles. Hai que saber ata onde se pode e se debe chegar. Por exemplo, no anecdótico tema da vestimenta, mulleres como Angela Merkel, Hillary Clinton ou Michelle Obama viaxan aos países islámicos sen mudar o seu uniforme. Non se cubren, van a cara descuberta. Tamén a diplomacia francesa se plantou cando o protocolo iraniano quixo impoñer a prohibición do alcohol nunha recepción en París. Nesa altura dixéron con orgullo patrio e un punto de chauvinismo: ti goberna a túa casa que na miña mando eu.

Comentarios