Opinión

Un ano máis sen Nobel

AS CLASIFICACIÓNS das mellores universidades do mundo sempre levantan polémica e adoitan ser utilizadas para desprestixiar aos centros de ensino españois que, todo sexa dito, nunca están en cabeza. Madia leva, xa que contrariamente ao que puidera pensar a xente, son indicadores que apenas reparan na calidade docente e, pola contra, poñen a énfase na investigación. Aquí pouco temos que facer. Os presupostos que manexan Harvard, Stanford ou Cambridge, sempre entre as mellores, son tan impresionantes que non admiten comparanza co que se pode gastar en calquera departamento en España.


Diríase que o noso país non ten os recursos dos Estados Unidos ou Inglaterra, o que é certo, pero tampouco hai que esquecer que á hora de pagar aos futbolistas nunca nos quedamos atrás. Pola contra, obrigamos a marchar á práctica totalidade dos grandes cerebros que aínda agroman entre nós. Malia que se diga que as universidades son mediocres, e que arrastramos anos de penuria, seguimos formando graduados e doutorados que teñen excelente aceptación nos mellores centros investigadores do mundo. É unha emigración de luxo, que pouco ten que ver coa dos descamisados de tempos pasados. Pero por sorte, non todos marchan. De vez en cando mesmo recae por aquí algún premio importante como o que ven de recoñecer a Vanessa Valdeiglesias, da universidade da Coruña, distinguida como mellor científica pola sociedade europea de Xenómica.


É un gran logro na súa carreira, na que xa había importantes premios, pero cando falei con ela para felicitala non agochaba certa desilusión polas condicións de traballo e a incerteza do futuro. Se tratamos así aos mellores talentos, qué podemos agardar. Este curso académico que comeza presenta a novidade de que nos temos librado do que pasará á historia como un dos peores ministros para as universidades. Pasou catro anos sen tomar medida algunha; o que acaba de tomar posesión apenas terá tempo de remodelar o seu equipo de goberno.


Por tanto, como estrañarse dentro dun mes, cando anuncien os novos premios Nobel e non atopemos científicos españois. Teremos que sufrir a mesma decepción que nos produce o ranking de Shangai das universidades. Pero o certo é que en moitos departamentos apenas hai posibilidade xa de enviar aos investigadores a congresos, os equipos informáticos son da era pre-industrial e mesmo hai que facer contas para pagar a luz. Diríase que a crise e o mal goberno deixaron aos centros de ensino superior e de investigación en estado de hibernación. Queremos xogar en primeira división con presupostos e regulamentos de terceira: o resultado está cantado.

Comentarios