Opinión

As antinormas

TEÑO CLARO que unha sociedade ten que ter unha serie de normas para poder funcionar. Algunhas deben ser escritas, as legais, pero outras teñen que ser aprendidas de pais a fillos.

O problema xorde cando esas normas sociais entran en conflito coas particulares de cada un, momento no que se produce un problema que non sempre resolvemos ben.

Hai uns días soubemos da prohibición da empresa propietaria de salas de cine de deixar introducir bebidas e alimentos a nenos diabéticos. As normas sociais din que debemos protexer aos enfermos, especialmente se son nenos. As normas da empresa din que non se pode introducir ningún alimento que non fose mercado dentro das súas instalacións. O sentido común parece que di que en cada sesión de cine pode haber un ou dous nenos diabéticos e que a medida parece desproporcionada ao volume do problema.

Algo parecido pasou en Santiago de Compostela hai uns meses, cando unha empresa de autobuses impedía que un pai cun brazo roto puidese acceder ao vehículo co carriño do neno de seis meses despregado. O pai dicía que lle resultaba imposible coller ao neno no colo e pechar o carriño e o chófer argumentaba que as normas da empresa impedían viaxar co carriño aberto por cuestións de espazo e seguridade. É certo que en caso de accidente, un obxecto coma un carro pode ser un risco, pero probablemente habería algunha solución normativa mellor que provocar que o señor camiñase case cinco quilómetros chovendo, cun brazo roto e cun neno pequeno nunha carriola.

Pero na administración tampouco andamos moi lonxe destas cousas. Hai normas que nos obrigan a ter que entregar documentos repetidos cada dous por tres e incluso prohibicións máis propias de tempos pasados.

Ao final, as normas pretenden ser un mecanismo de mellora social e algo non vai ben cando se converten nun problema. Poderiamos caer na tentación de resolver estes problemas facendo unha nova norma escrita onde aparentemente quedara claro o que todos sabemos. Faríamos así unha normativa absurda que lonxe de resolver o problema o institucionaría.

O sentido común segue sendo un mecanismo interesante de convivencia. Nunha sociedade coma a nosa máis ou menos todos sabemos o que significa, aínda que non estea escrito en ningures e cómpre que apelemos a el de vez en cando para solucionar estas cousas.

Probablemente o custe na reputación da empresa dos cines ou na de autobuses sexa infinitamente maior que os euros que se poden gañar cun paquete de pipas e unha botella de auga ou os euros que se poden aforrar en non poñer un dispositivo de retención homologado para os cochiños dos nenos nos autobuses. Ao final, a norma imposta por estas dúas empresas provocáronlle varias portadas de xornais negativas, non sei cantas protestas no Valedor do pobo e nos concellos e un un malestar dos seus clientes que irremediablemente repercute na conta de fin de ano.

Imos ter que facer unha asociación en prol do sentido común que loite contra as normas que lonxe de solucionar, empeoran.

Comentarios