Opinión

Aprender de Brasil

A SITUACIÓN política de Brasil é digna de ser estudada. Non estamos moi acostumados a ver en democracias máis ou menos próximas este tipo de medidas do lexislativo contra o executivo, e moito menos a ver a feira, o carnaval como din eles, na que se converteu todo aquilo.

Tocoume vivir en Brasil unha temporada que coincidiu coas primeiras eleccións que gañou Rouseff. Daquela, o debate estaba no poder da chamada chamada "Clase C", unha nova estrutura social que por primeira vez tiña un poder importante no sistema social brasileiro. Falamos dun colectivo numerosísimo de persoas que sempre foran pobres, sen capacidade algunha para poder mercar nin tan sequera un automóbil ou un frigorífico. As políticas do presidente Lula lograron que este colectivo tivese dúas cousas impensable dez anos antes. Primeiro, que puideran acceder a préstamos bancarios e segundo que tivesen unha mellor expectativa de vida laboral. De repente, os que nunca soñaran con mercar un coche, agora tiñan a oportunidade e iso entendeuse como un gran avance social. Lembrarán, seguro, un dos eslogans de Lula ao final do seu mandato: "quero que todos os brasileiros coman, polo menos, tres veces ao día". 

Esa clase C, dicían os expertos daquela, son os que permitiron o éxito do Partido dos traballadores, que é o de Lula e o de Rouseff. Sen embargo, este mesmo colectivo é o que lle está agora dando as cosas.

A corrupción, a mala xestión dalgúns temas críticos e unha desaceleración económica importante fan mermar a confianza dos votantes. A dereita brasileira, bastante máis elitista que a española, non dubida nin un segundo en aproveitar todas as oportunidades que ten, e a clase C pasou de ser un colectivo máis ou menos homoxéneo a ser unha sorte de combate constante entre os que lograron ascender e os que volveron á pobreza inicial.

As clases medias son o motor das democracias en todo o mundo. Practicamente todas comezaron por revoltas burguesas, ás que dependendo do caso se lle foron sumando outros colectivos. No Brasil tamén pasou isto, pero agora estamos nun momento de inflexión transcendente. A marcha de Rouseff xa é real, e aventúranse máis problemas que solucións.

A confianza da cidadanía parece que merma, porque os ideais aqueles de garantir tres comidas ao día xa quedou esmagado polos maletíns. Brasil foi durante moitos anos un exemplo a seguir polo continente americano, cheo de riqueza natural razoablemente ben explotada e dun crecemento que se aproximaba ao Chino, moi por riba do Europeo. Sen embargo, a caída está sendo sumamente acelerada, provocando un clima altamente tenso que pode acabar de varias maneiras, aínda que non parece que acabe de bo xeito.

Brasil é un país fundamental no modelo social mundial por moitas razóns e cómpre tomar consciencia. De seguro que a tensión actual tenderá a desaparecer, pero debemos ir xa pensando que lección aprendemos e como vai quedar o pais despois de toda esta tormenta.

Comentarios