martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Aprendizaxe e humillación

CANDO NA familia se decide que o neno pode ou debe competir nunha actividade deportiva búscanse varias cousas. Primeiro, a disciplina do adestramento e do esforzo para estar na forma adecuada. Segundo, a aprendizaxe do traballo en equipo que obriga a coñecer moi ben ao compañeiro para buscar o mellor xeito de complementarse. E en terceiro lugar, que aprenda a gañar e a perder porque na vida, ás veces se gaña e ás veces se perde.

Hai uns días un equipo de fútbol de alevíns de Valencia, que son nenos entre 10 e 12 anos, goleou a outro 25-0. A consecuencia inmediata non foi deportiva, senón laboral: despediron ao adestrado do equipo gañador. Isto sorprende porque normalmente non se despiden aos adestradores de nenos e porque normalmente a causa de cese de contrato é a derrota non a vitoria. As crónicas xornalísticas proporcionan dúas visións diferentes ao caso. Para uns, o home buscaba humillar ao equipo contrario, instruíndo aos seus para que goleasen sen piedade aos rivais, namentres que para outros, o adestrador esixía aos seus xogadores que deixasen de presionar porque xa eran vencedores e non necesitaban tantos goles.

Non discuto que neste caso houbo un problema de transmisión de valores, pero tamén o habería no caso de que se obrigara aos nenos a fallar a posta ou a botarse á bartola. Os que andamos rodeados de nenos e nenas pequenas sabemos que non deixarse gañar pola túa filla de catro anos na carreira polo pasillo provoca un dos conflitos máis importantes do día, e tamén sabemos mirar para a ventá cando lle toca a ela mover a ficha do parchís. Neses momentos críticos valoramos se optamos pola aprendizaxe da derrota ou pola tranquilidade sen choros desgarradores.

Cada momento é un mundo e probablemente hoxe optamos pola calma, e mañá pola guerra. No caso dos nenos valencianos o adestrador optou por ensinar a gañar e pola concentración na vitoria. Non valorou a repercusión da derrota nin da humillación e estou seguro que cando acabou o partido percibiu que gañar por 25 a 0 contra o último da táboa foi un exceso. Puido elixir a compaixón e obrigar aos nenos a magoarse polo equipo contrario e deixarse meter algún goliño ou apuntar á banda en lugar de á portería.

O deporte de competición nos nenos está máis pensado para os pais que para os nenos. Os máis felices das vitorias sempre son os pais e os máis tristes coa derrota tamén sempre son os pais. Os nenos tentan pasalo ben e nin sequera pensan que están aprendendo valores. Por iso, coido que o cese do adestrador foi unha medida tomada pola necesidade de dar unha explicación sociolóxica á derrota humillante pero cómpre analizar que ocorrería se o señor en cuestión dese a orde de non ser competitivo nun partido. Probablemente a Federación e o presidente do equipo terían que cesalo por adulterar a competición. De toda esta lea, os rapaces deberan aprender que o máis importante é dosificar o esforzo para lograr o éxito do xeito máis eficiente posible.

Aprendizaxe e humillación
Comentarios