Opinión

Arroutadas cósmicas

NON LLES descubro nada novo se lles digo que o campión do concurso de arroutadas do ano 2017 vai ser o presidente norteamericano, Donald Trump.Tampouco lles vou destapar ningún segredo se lles digo que xa todos prevíamos que este home nos ía dar tarde de gloria aos xornalistas e á poboación mundial, porque se facía a metade do que dixo que ía facer, teriamos un escenario claramente diferente no planeta Terra.

Sen embargo, houbo unha arroutada que me chamou poderosamente a atención. Hai uns días, uns estudantes da Universidade de Berkeley, a institución universitaria pública máis importante do mundo, boicotearon a conferencia dun xornalista moi afín a Trump.

O presidente é un saco sen fondo, pero agora estou convencido que non ten ningún tipo de criterio máis que o seu persoal



Foi un acto de protesta conta un home que se chama Milo Yiannopoulos, que sempre se caracterizou por superar amplamente as fronteiras da ética e da profesionalidade xornalística, con varios escándalos de información fundamentada en mentiras. É o redactor máis polémico da revista Breitbart News, que se define como supremacista branca. Supremacista branca en Estados Unidos, e en calquera parte do mundo, significa que considera ao home branco (e digo home, non home e muller) é superior ao resto dos seres humanos e ademais, ten a responsabilidade de liberar ao mundo do resto de seres que non sexan brancos. Como ben, é unha ideoloxía fundamentada na máis rotunda ignorancia e desprezo polos dereitos humanos.

Pois ben, os rapaces e rapazas de Berkekey decidiron explicarlle en directo a Yiannopoulos que o seu traballo era ofensivo e malo para unha sociedade moderna. O asunto complicouse e finalmente o xornalista decidiu non dar a conferencia en lugar de debater coas persoas alí presentes o seu punto de vista. Non aplaudo os boicot, porque considero que é bo escoitar a quen defende barbaridades e ter a oportunidade de poder rebatirllas en persoa. Impedir o uso da palabra é malo, pero escusarse na mínima crítica para reivindicar unha “usurpación” da liberdade de expresión, tamén.

En calquera caso, o máis sorprendente deste caso é que minutos despois de pasar este suceso, o presidente Trump escribiu na súa conta persoal de twiter o seguinte: “Se a Universidade de Berkekey non permite discursos libres e practica a violencia contra a xente inocente que ten un punto de vista diferente, merece fondos públicos?”.

Se iso o escribise calquera cidadán sería unha coña, pero se o escribe este presidente do goberno, non podemos descartar que mañá pola mañá o reitor da universidade pública máis importante, onde naceron as principais empresas tecnolóxicas do mundo, se atope coas contas canceladas.

O presidente é un saco sen fondo, pero agora estou convencido que non ten ningún tipo de criterio máis que o seu persoal. Creo, sinceramente, que a maquinaria de control que ten a sociedade estadounidense ten que aumentar a súa presión para evitar que este home faga cousas das que nos podemos arrepentir todos máis pronto ca cedo.

Comentarios