Opinión

Bebés de deseño

DESDE HAI UN par de días o mundo científico asiste a un debate tan vello como polémico. Un grupo de investigadores chinos publicou os resultados dun experimento realizado con embrións humanos. O experimento consistía en facer cambios xenéticos nos fetos para lograr buscar unha solución a unha enfermidade atroz denominada talasemia. Isto supón un paso adiante importante nos preceptos éticos que rodean a investigación médica. É certo que hai varios períodos históricos onde a loucura dun réxime fixo que a experimentación médica chegase a límites insospeitados, pero tamén é certo que sempre existe un debate entre o límite entre o respecto pola nosa especie e a evolución para salvala dos males que nos atacan.

Os grandes cambios na ciencia se produciron por decisións moi arriscadas nos que se poñía a vida dunha persoa ao borde da morte

Neste caso, os investigadores chinos deféndense dicindo que o seu traballo se fixo sobre fetos cunha contrastada inviabilidade, polo que en ningún caso se pode falar de asasinato. Ao contrario, afirman que algúns deles se salvaron grazas a este traballo. Sen embargo, outros moitos científicos están seguros de que este tipo de aproximacións aos límites da configuración xenética do ser humano buscan sempre algo máis. Refírense á creación de bebés de deseño, nos que a variable de gusto dos pais sexa un elemento máis na xa complexísima combinatoria da creación da vida.

Os grandes cambios na ciencia se produciron por decisións moi arriscadas nos que se poñía a vida dunha persoa ao borde da morte. Moitos destes experimentos fracasaron e, porque non dicilo, mataron a xente. Outros non. Por sorte, os avances de hoxe en día fan posible que a experimentación en humanos só se faga cando se superaron antes outro tipo de probas que fan garantir unha porcentaxe moi alta de éxito, ou polo menos, de consecuencias colaterais non mortais. En efecto, se levas isto ao mundo dos embrións a cousa complícase moito. Entramos xa noutro tipo de disquisicións moi vinculadas ao concepto de vida, ben sexa de xeito individual ou colectivo, como pode ser o das relixións.

Os condicionantes éticos occidentais non son tan claros no lonxano Oriente

No caso que nos ocupan, as garantías non eran absolutas, probablemente porque non podía ser doutro xeito. As principais revistas científicas, como Nature ou Science rexeitaron a publicación do estudo por razóns éticas e técnicas. Os avaliadores entenderon que o traballo non garantía as condicións mínimas para poder falar de resultados de interese social.

En calquera caso, este é un exemplo máis da importancia que está acadando a cultura china no mundo. Os condicionantes éticos occidentais non son tan claros no lonxano Oriente, igual que tampouco o son os posicionamentos éticos sobre a explotación laboral ou os controis de calidade dos produtos. Ábrese pois unha porta máis para que encarguemos na China as cousas que non nos atrevemos a facer aquí, na nosa casa.

Pronto saberemos do recorrido deste primeiro experimento. Polo de agora resultou ser fallido, pero estou seguro que día a día se poñen as pedras necesarias para construír un camiño que permita deseñar ao bebé como un pai ou unha nai quere.

Comentarios