Opinión

Ben nos merecemos un Nadal

OS "INVENTORES" da nosa estrutura social xa tiñan todo pensado. Sabían que nunha determinada época do ano as familias precisan recollerse e xuntarse e para iso marcouse unha data no calendario cargada de simbolismo. É verdade que se utilizou a relixión cristiá como argumentario para xustificar que o Nadal sexa a nosa época máis familiar, pero en todas as culturas, sexa cal sexa o lugar onde estea, sempre hai un momento do ano nos que os fillos que viven lonxe veñan onde os pais.

Estes “inventores” tamén pensaron nun mecanismo que delimite os ciclos da vida de cada un. Nacen así os anos e, sobre todo, os fin do ano, onde nos entran unhas gañas irresistibles de desexar o mellor para todo o mundo, incluso para os que nos amargan a vida o resto do ano. A metáfora da fronteira no calendario permite que xustifiquemos unha noite de desenfreo total onde se permiten todas as cousas que non se admiten no ano, e que os problemas queden aparcados unhas horas para enfocalos de xeito diferente nos primeiros de xaneiro. Son estes días, os que inician o ano, os que acollen todas as boas intencións que temos e que normalmente acaban diluíndose alá polo Entroido. Falamos de dietas, de problemas no traballo, de ximnasios, e de mil e unha cousa que nos quitaron o sono durante o ano vello.

Pero aínda hai máis. Os “inventores” da nosa sociedade, amén buscaron o xeito de compensar o traballo ben feito durante o ano. Nace así o concepto de agasallo de Nadal, e déixolles a vostedes elixir se se axuntan máis con Papa Noel, o Apalpador, ou mesmo os Reis Magos. Para o caso dá o mesmo: son tipos encantadores que por portarnos ben tráennos todo iso que pedimos un par de semanas atrás por escrito. Asegúrolles que a metodoloxía funciona moi ben e foi man de santo para que a miña filla de catro anos escribise toda unha sinfonía de letras e debuxos para convencer aos Reis Magos de que pasar pola casa realmente merece a pena.

As sociedades, as culturas, son o suficientemente intelixentes para crear mecanismos que nos permitan vivir con certa harmonía. O obxectivo final é a supervivencia da propia cultura e resulta imposible imaxinar un ano sen Nadal, uns Reis sen agasallos ou un fin de ano sen champán. Así somos nós, e así queremos ser. Pero a cultura non debe estar afogada pola presión das tradicións dos nosos pais ou dos nosos avós. Tampouco debe estar inducida polo desexo atronador de rachar con todas as tradicións de súpeto.

As sociedades avanzan grazas aos cambios que imos introducindo para adaptarnos aos novos retos vitais. Antes todo xiraba ao redor dunha lareira. Agora xira ao redor unha pantalla, por certo cada vez máis pequena. Antes o importante era xuntarse, agora cadrar as axendas. En calquera caso, o Nadal, con luces ou sen luces, con lotería ou sen lotería, sempre será o momento no que nos acordamos dos que non están, no que andamos miles de quilómetros para comer unha vieira e no que todos queremos o mellor para os que queremos.

Comentarios