Opinión

Bendita rutina

O INICIO DA temporada escolar é o inicio da bendita rutina para moitos de nós. Volven os horarios ríxidos, os nenos están seguros no cole e non hai que andar buscando onde deixalos, o traballo volve ser o de sempre, os telexornais volven falar de política, hai que ir xa cunha chaquetiña ao lombo .... En fin, que volvemos ser os que eramos no mes de xuño.

As vacacións son un dos máis importantes avances sociais e laborais do século XX e un gran invento para definir un período de cambio de rutina. O que normalmente lle chamamos “desconectar” non deixa de ser unha confabulación de todos os elementos rutineiros que desaparecen dun xeito simultáneo. Iso, especialmente en España onde se concentra no mes de agosto, permite asuir cousas que durante o ano non se poden facer por falta de tempo ou de oportunidades.

Un dos elementos que rexen o ritmo vital das familias, especialmente das máis mozas, son os colexios. Neste país, os nenos teñen 11 semanas de vacacións, un pouco máis da media Europea. Nos países do norte andan polas 7-8 semanas e nos outros países do sur, coma Italia ou Grecia, a cousa anda polas 13 semanas.

Non discuto, nin o máis mínimo, que os nenos e as nenas precisan tempo de ocio e asentar o aprendido durante o curso. Sen embargo, nestas 11 semanas, os pais, as nais, os avós e avoas e o resto da familia participan dun xeito forzoso no tempo de ocio dos nenos.

Existe un desequilibrio importante entre o calendario anual dos rapaces e o laboral, o que provoca situacións de cambios radicais que precisan da pericia de toda a familia. Isto é algo que necesariamente se ten que solucionar entre todas as partes: empresas, institucións, e persoas. Non se trata tanto de dar por lei once semanas de vacacións, que parece un exceso claro, senón de buscar alternativas de ocio compatibles cos horarios. Desde a apertura dos colexios en vacacións para que os nenos poidan desenvolver actividades de verán nos mesmos horarios que no inverno, ata acordos en convenios colectivos para os cambios de horarios en épocas estivais. Tampouco estaría mal que as institucións asumisen a necesidade de buscar solucións a situacións que ás veces resultan difíciles de afrontar para os pais, coma actividades de reforzo para aqueles que non poden desconectar de todo co colexio porque o curso foi claramente mellorable.

A conciliación laboral e familiar é unha estratexia de benestar social. Todos os estudos que analizan o fenómeno conclúen que un traballador feliz é un traballador moito máis produtivo e a posibilidade de ter tempo para organizar a vida persoal é sempre un elemento de felicidade.

Por iso, cómpre crear mecanismos que permitan evitar que o tempo libre dos nenos sexa un pesadelo, xusto o contrario do que se busca nas vacacións.

Pouco a pouco danse pasos e xa hai unha industria de campamentos e actividades que permiten entreter aos nenos durante estes meses, pero cómpre seguir avanzando nun modelo no que tanto os pais coma os fillos, poidan compartir a felicidade das vacacións.

Comentarios