Opinión

A caída dun ministro

GUSTARÍAME ANALIZAR uns minutos que supón que o ministro Soria dimitira.Primeiro, que o ministro recoñeceu unha serie de errores ou actos non éticos durante a súa vida. Está por ver se os erros son de comunicación á hora de dar as explicacións, como el mesmo di, ou se o problema principal está nunha serie de actuacións incompatibles cun dos máximos cargos que se pode ostentar nun país coma este.

Segundo, que en España xa empeza a funcionar algo mellor a maquinaria das investigacións e das responsabilidades. Aínda estamos moi lonxe de lugares máis serios ca nós nestes temas, pero ben é certo que xa se produce unha causa efecto entre unha información verificada e unhas consecuencias políticas claras.

Terceiro, a pregunta ¿pero en mans de quen estamos? cobra un sentido especial. Presuponse que un político ten que demostrar e ofrecer confianza a varios sectores dunha sociedade. Por suposto aos cidadáns, sexan ou non votantes, pero tamén a outros elementos fundamentais na nosa economía como poden ser as empresas, o sector financeiro ou os nosos países veciños.O feito de que se descubrise unha sorte de entramado fiscal que podería ser delictivo e que presuntamente o beneficiaba, non axuda moito a esta confianza.

É certo que en todos os países, ata nos máis modélicos, aparecen persoeiros escuros coma recentemente pasou en Islandia ou non hai moitos meses en Alemaña. Sen embargo, no caso que nos ocupa, a cousa é un pouco máis retorcida. Soria era o ministro responsable da economía produtiva española. A súa carteira titulábase industria, enerxía e turismo. É dicir, dos dous motores dos nosos ingresos, como son a industria e o turismo, e tamén do elemento imprescindibles para que poidamos levantarnos pola mañá cada día, como é a enerxía. Se a isto lle sumamos decisións difíciles de comprender, por exemplo a estrangulación das enerxías renovables a través dun aumento irracional dos impostos, a eliminación de case todas as axudas ao desenvolvemento do sector e a práctica imposibilidade de que un tipo coma min ou coma vostede poda ter un mecanismos de xeración enerxética na casa, estamos ante un guiso con demasiados ingredientes que cheiran mal.

A dimisión deste home é probablemente a saída máis digna para el e para o goberno. Para el, porque pode apartarse uns días da presión informativa e para os outros, porque se quitan do medio a un problema non previsto e que vai causar un desgaste ben gordo especialmente nestes días nos que aínda non sabemos quen nos vai gobernar.

Sen embargo, e por sorte, os mecanismos da xustiza e da prensa van impedir que a dimisión implique o peche do problema. Agora é o momento de analizar ben o que pasou, cales son os responsables e os beneficiados e, polo tanto, impartir certa xustiza neste mundo de tolos no que estamos inmersos.

Sen dúbida, foi o peche final a unha semana gloriosa para os responsables da loita contra o crime fiscal. Vellas glorias como Mario Conde volven ao cárcere coa mesma intensidade dos anos 90 e talentos emerxentes, coma o ministro Soria, acaban caendo nunha aparente trama de evasión fiscal.

Comentarios