Opinión

Cambio de fiscal

A SUBSTITUCIÓN de Manuel López Bernal, fiscal superior de Murcia e tan polémica como curiosa.

Polémica, porque se está substituíndo ao señor que lle está complicando a vida xurídica ao presidente da comunidade de Murcia, e curiosa porque debe ser a primeira vez onde un fiscal substituído concede unha entrevista a unha radio denunciando presións políticas e intimidación. Estas declaracións, feitas na mañá do xoves, provocaron que o seu sucesor tivese que defender a súa independencia e o seu bo facer, porque todo parecía indicar que o novo responsable da fiscalía de Murcia era un simple defensor dos intereses do goberno.

O fiscal é unha figura fundamental en calquera ordenamento xurídico e tamén no español. É o responsable de defender a lei, ou o que é o mesmo, o pobo. De feito, nalgúns países, a causa que defende un fiscal denomínase «o pobo contra», o que dá unha idea da importancia da figura en calquera democracia.

É certo que en España hai varios procedementos que rozan de xeito claro co propósito da independencia xudicial. A carreira para ser fiscal é moi dura, con procesos selectivos rigorosos que garanten a idoneidade do candidato ou candidata. Sen embargo, os órganos directivos da fiscalía obedecen a acordos políticos entre os partidos do parlamento, polo que a solvencia técnica e a obriga de defender sempre á lei, queda sometida á gobernanza política.

Noutros países, como nos que teñen tradición saxona, especialmente nos Estados Unidos, o fiscal é elixido en sufraxio. Os cidadáns destes países teñen a obriga de elixir ao fiscal xefe entre todos os candidatos que se presenten o que fai pensar que estamos ante un modelo moito máis transparente. A verdade, sen embargo, demostra que os candidatos e candidatas que teñen algunha posibilidade de gañar son unicamente os que se moven na órbita do partido que goberne en cada momento.

No caso que nos ocupa, escápanse as causas reais do cese. Podería sospeitar, coma moitos cidadáns, que o goberno quere limitar unha causa colocando a un fiscal menos belixerante. Pero tamén podería pasar o contrario, onde un fiscal cunha ideoloxía claramente definida e pública, utilice o seu posto para esaxerar unha acusación contra un político. Sen embargo, si considero que as declaracións públicas de López Bernal, anunciando intimidacións xusto o día no que se vai, aproxímanse máis a unha pataleta que a un discurso razoado. O noso sistema garante a seguridade dos que defenden a lei de varios xeitos, e un fiscal debe denunciar ante quen corresponda as intimidacións e as presións. De pouco vale que todo isto se faga público cando xa rematou o partido porque, deste xeito, ninguén pode facer nada por solucionar o problema e créase unha sombra de dúbida que pon en tela de xuízo a versión dada.

Por iso, un fiscal debe ter sempre a valentía necesaria para poder enfrontarse aos problemas do día a día coa rigorosidade e coa firmeza suficiente para que lle poidamos axudar entre todos e non crear a dúbida de se estamos ante un despeito ou ante algo moito máis grave.

Comentarios