Opinión

Campañas rotas

A VIOLENCIA é un dos peores xeitos de irromper nunha campaña electoral. A nos pasounos no 11-M e agora pasa no referendo británico para continuar na Unión Europea, coa asasinato da deputada Jo Cox.

Sempre que pasa algo tráxico destas dimensións xorden varios debates. Un deles é o do poder do terrorismo, que sempre busca instalar o medo e o pánico na poboación. Cando falamos de terrorismo, falamos de grupos de delincuentes que queren impoñer as súas ideas con medo, botando un pulso ao Estado correspondente. Na historia dos últimos trinta anos, houbo casos de todo tipo. Desde gobernos que aceptaron condicións dos terroristas, coma no caso de Colombia na guerra do Narcotráfico liderada por Pablo Escobar, ata gobernos coma o español, británico ou canadiense que non aceptaron ningún tipo de reivindicación terrorista, a pesares dos miles de mortos que se produciron. No caso de Colombia, non había principios nin relixiosos nin territoriais, senón unha guerra dos narcos contra a decisión do goberno de crear mecanismos de extradición automáticos cara os Estados Unidos. Naquela narcoguerra chegouse a derribar un avión nun intento de asasinato do presidente Gabiria, o que demostraba que non había ningún tipo de empatía con ningún ser humano.

No resto, as escusas para matar escondíanse detrás de cuestións territoriais, modelos de estado e mil cousas máis que en ningún caso xustificaban nin unha gota de sangue.

Está por ver se o asasinato da deputada Cox é un acto de terrorismo ou se é a actuación dunha soa persoa. Entramos na fase na que os terroristas asumen todo, fágano ou non o fagan, e onde entramos na psicose de dubidar de cada unha das persoas que temos ao lado cando esperamos no semáforo. O triunfo dos terroristas é que ninguén saia da casa e aceptemos as súas demandas, pero esa é a derrota da sociedade democrática. A morte da deputada é unha traxedia para todos, pero fraco favor lle facemos á súa memoria e á democracia se aceptamos que non merece a pena ningún tipo de discusión política por medo aos que só saben negociar pegando tiros.

Polo tanto, é nestes momentos onde se debe demostrar a madurez democrática de todos. O debate non é seguir ou non seguir coa campaña electoral, nin se o asasino era un perturbado ou un terrorista. O debate debe ser que con medo non se consegue ningún obxectivo e a cidadanía sempre logrará vencer con actitudes democráticas e cívicas.

Din as crónicas que Jo Cox era un talento dentro do mundo da socialdemocracia inglesa e que tiña unha proxección moi clara na política. Era unha muller nova, de pouco máis de corenta anos con dous fillos pequenos. Agora, a súa memoria e as súa vocación é o que nos ten que mover para actuar con toda a contundencia necesaria contra o seu asasino, e non dubidar ningún momento en seguir co debate que os cidadáns británicos propuxeron cara a súa relación coa Unión Europea.

Comentarios