martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Ciencia para todos e un pouquiño de realidade

OS AVANCES científicos acaban beneficiando sempre a toda a humanidade pero non sempre á mesma velocidade. En Occidente, sempre somos os primeiros beneficiados, moito antes que o resto dos países. Esta dobre velocidade cruel, moi cruel, nace sempre da variable do beneficio e da plusvalía económica aínda que ás veces se cheguen a casos realmente absurdos.

Hai uns días, recoñeceron o traballo do científico asturiano Pedro Alonso, que xa é capaz de crear unha vacina que pode solucionar o 40% dos contaxios de malaria no mundo. O científico entende que é preciso facer un esforzo moi importante para eliminar definitivamente o parásito que provoca unha enfermidade causante da morte de máis de 400.000 persoas ao ano, moitas delas nenos. Como afirma o propio Alonso, fomos capaces de erradicar a viruela, estamos moi cerca de eliminar a poleomielitis e agora temos que lograr acabar coa malaria.

O curioso deste caso é que a malaria afecta fundamentalmente aos países máis pobres, polo que se observa unha preocupación baixa nos países de occidente. Pero ollo, falamos de preocupación económica, non científica nin social. Sen embargo, os novos xeitos de comunicación e de viaxar e o mercado global que nos permite ter en riba da nosa mesa unha piña collida hai 24h en Costa Rica, provocan que as alertas de saúde pública se elevaran. É certo que nesta parte do mundo non temos problemas de malaria, pero tamén é certo que estamos máis cerca ca nunca de telos. Por iso, organizacións coma a OMS e países coma os Estados Unidos ou Alemaña, decidiron destinar unha cantidade importante de cartos para atacar a esta enfermidade.

Pero de novo xurde unha nova contradición. Os experimentos hai que facelos con habitantes de países pobres, neste caso africanos, onde se atopa a poboación máis afectada por este mal. Alonso logrou facer un experimento con 16.000 nenos e nenas de países africanos e logrou salvar, polo tanto, a moitos miles de familias de morrer máis ou menos cedo. Cada dous minutos morre unha persoa pola malaria no mundo, aínda que case todos eles se concentren no Trópico de Capricornio. Parece razoable pois, que as probas se fagan no corazón do problema pero o doutor Alonso da un dato que aínda impresiona máis e que comprobou cientificamente: unha mosquiteira impregnada con repelente antimosquitos custa menos de dous euros cada tres anos e un test rápido para saber se unha persoa está infectada non chega aos 50 céntimos de euro.

A traxedia é que a malaria se combata só, e neste momento, desde os grandes investimentos que require unha vacina. O ideal sería que tamén se combatera desde a loxística e desde a sensibilización social para que todos os fogares de Mozambique ou de Malawi tiveran unha mosquiteira que custa 0,65 euros ao ano.

O avance en saúde pública ten que facerse desde a ciencia para remediar os males e incluso corrixir á natureza naqueles casos que nos matan, coma os parásitos mortais, pero tamén se ten que facer desde o compromiso ético das sociedades máis desenvolvidas. Ao final, todos acabamos pagando que unha picadura dun mosquito mate a un neno, aínda que sexa a miles de quilómetros.

Ciencia para todos e un pouquiño de realidade
Comentarios