Opinión

Ciencia, política e camposantos

A CIENCIA sirve para tres cousas. A primeira, para que avancemos como seres humanos. A segunda, para que vivamos mellor, e agora, en terceiro lugar, tamén serve como ferramenta de debate político e sociolóxico.

Onte [venres] apareceu un manifesto asinado por 109 Premios Nóbel. Isto, en si mesmo, xa é novidade porque non se recorda un documento con tan prestixiosas sinaturas. Pero máis novidade é aínda que o escrito vaia contra unha das institucións supranacionais e do terceiro sector máis importantes do mundo, como é o caso de Greenpeace. Estamos ante unha situación nunca vista cun trasfondo que debe ser meditado.

Greenpeace comezou sendo un movemento ecoloxista que defendía a paz mundial a través dunha mellor relación co resto dos seres vivos. Cos anos, sen embargo, converteuse nunha multinacional con presenza na maioría dos países do mundo e cunha infraestrutura semellante á de calquera multinacional con presenza na maioría dos países do mundo.

Unha das últimas guerras que emprendeu contra o capitalismo relaciónase cos produtos tranxénicos, unha sorte de produtos alimentarios que foron modificados xenéticamente nun laboratorio para conseguir algo que non se logra por procedementos naturais. O habitual é que haxa modificacións xenéticas para mellorar a produción, para combater pragas ou para cumprir gustos de sibaritas como sandías azuis e cousas así. Sen embargo, a modificación xenética non sempre atende a estas razóns e solucionan problemas que son moi importantes para unha parte da poboación. A polémica entre os Premios Nóbel e Greenpeace xurde polo arroz dourado, unha variante do cereal modificado xenéticamente para que produza máis vitamina E e supla as necesidades da poboación infantil de boa parte dos países centroafricanos. Alá polo ano 1970 xa pasara algo parecido cando lle conderon o Nóbel da Paz a Norman Ernest Borlaug, un enxeñeiro agrícola norteamericano que logrou implantar a variante do trigo anano en Pakistan, logrando unha produción moito máis elevada porque este trigo sufría menos as consecuencias da climatoloxía do sur de Asia, evitando así a miseria que mataba miles de persoas.

O debate dos límites da ciencia son vellos e case sempre marcados por prexuízos non contrastados. Greenpeace, de feito, contestou a esta carta dos Nóbel dicindo que non estaba demostrado que o problema da vitamina E se solucionase co arroz dourado. Ben, resulta difícil asumir que este argumento supere a opinión de máis de 100 persoas que pasaron á historia por seren os mellores descubridores científicos do mundo. Do mesmo xeito, Greenpeace reacciona dicindo que as multinacionais están implantando o arroz dourado para facer un mellor negocio coas clases desfavorecidas. Este é outro tema, e ben é certo que no mundo hai infinitos casos de prácticas comerciais abusivas, vestidas de altruísmo.

En calquera caso, o problema comercial é un, que se soluciona nos despachos e o problema científico é outro, que se soluciona nos laboratorios. Cómpre non mesturar as cousas, non vaia a ser que polo medo aos despachos enchamos os camposantos canto temos a solución no laboratorio.

Comentarios