martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Ciencia que cambia o pasado e o futuro

A CIENCIA é un ser vivo que vai evolucionando e que nos permite ir cambiando hábitos de vida e de comportamento para lograr unha sociedade mellor. Sen embargo, de vez en cando a ciencia aporta coñecemento sobre o pasado e permite cambiar teorías que dabamos como seguras hai pouco tempo. Se vostedes andan polos 40 ou máis anos, recordarán que se estudaban nove planetas, rematando un magnífico Plutón, que ademais lle daba sonoridade final a aquela cantinela musical coa que aprendiamos os planetas. Agora sabemos que plutón é unha estrela algo grande, moi lonxe de acadar o rango de planeta e que hai unha nova categoría que se chama "planetas ananos".

Esta semana soubemos dúas cousas importantes. Que a evolución dos dinosauros non é como se pensaba e que o azar é a variable máis importante nos casos de cancro. Ata o de agora, sabiamos algo do T-Rex, ese dinosauro despiadado que mataba xente nas películas, pero agora sabemos que a súa historia non é como se estudou. Científicos da Universidade de Cambridge, encabezados por Matt Baron, descubriron que a clasificación feita ata o de agora pode ser incorrecta, como por exemplo os grupos de animais que compartían cousas comúns, coma as plumas. Isto, se se demostra, pode provocar cambios importantes na concepción que temos da evolución das especies, sen dúbida algo moi importante para comprender cal vai ser a natureza de dentro de 200 anos. Non é polo tanto, un problema de cambio de rótulos no Museo de Historia Natural, senón unha concepción que nos axude a entender mellor como vai ser o noso futuro máis próximo.

Xunto aos descubrimentos de Baron, tamén nos sorprenderon esta semana coa confirmación de que o azar é o elemento fundamental no cancro. Cristian Tomasetti y Bert Vogelstein, da Universidade John Hopkins, dos Estados Unidos, confirmaron despois de analizar miles de casos en todo o mundo, que o azar segue sendo a variable máis importante nesta enfermidade. Afirman tamén, que a ciencia ten que seguir loitando pola parte non azarosa do mal, coma os hábitos saudables ou os problemas ambientais, pero debemos comezar a traballar sobre o cancro con enfoques novos que busquen as causas dese azar. Se isto finalmente se demostra, estamos ante dúas novidades que cambian o xeito de ver o que pensabamos ata o de agora. É moi importante coñecer a nosa historia, e unha sociedade madura cada vez que comprobamos que verdades incontestables eran incorrectas.

Por iso, esta foi unha gran semana para a ciencia, porque se puxeron en cuestións elementos fundamentais que estaban rexendo os descubrimentos do futuro. Isto é o que se reivindica cando se fala do investimento en ciencia, investigación e desenvolvemento e cando se explica que o traballo de hoxe pode ter resultados certos dentro de moitos anos. Sementar en investigación é sementar en formación e na mellora de todas as sociedades. Noticias coma estas son as que demostran, unha vez máis, a importancia da paciencia, do talento, do esforzo e dos cartos para lograr que os nosos netos e as nosas netas vivan mellor ca nós.

Ciencia que cambia o pasado e o futuro
Comentarios