Opinión

Coca-Cola e Nadal

A COCA-COLA, desde hai xa moitos anos, é un apelido máis do Nadal. De feito, un anuncio da marca no ano 1931 fixo expandir de xeito mundial a imaxe do paisano barbudo con traxe vermello. Sen embargo, neste Nadal Coca-Cola fixo historia por algo moito máis importante. Esta semana, a compañía de refrescos máis famosa do mundo acaba de abrir unha fábrica de embotellado en Gaza, no corazón máis tráxico de Palestina.

Cun investimento de 20 millóns de dólares e cunha previsión inicial de preto de 200 postos de traballo, esta fábrica converterase quizais na principal industria dun territorio marcado por crueis embargos. Coca-Cola puido apostar por facer o investimento do outro lado da fronteira, pero optou por unha factoría que terá dúas funcións. Primeiro, a de facer coca-colas para vender e segundo, explotar un modelo de purificación de auga que axudará moito ás xentes desas terras.

Non sei moi ben se este proxecto corresponde a unha estratexia de marketing da compañía norteamericana, se é unha acción estrela de responsabilidade social corporativa ou se coincidiu unha estratexia comercial con todo o anterior. O que si é certo é que Coca-Cola mandou unha mensaxe importante ao mundo, demostrando que facer unha factoría nun lugar como Gaza é posible.

Hai moitos anos, Enrique Meneses, un dos reporteiros de guerra máis veteranos do século XX, díxome que se non me quería aburrir nin un minuto había tres lugares no mundo onde sempre había noticia. Un era en Palestina, outro era China e outro India. En efecto, Palestina sempre é noticia por traxedias e probablemente ninguén se atrevería nunca a montar unha empresa alí. Sen embargo, esta decisión de Coca-Cola, se finalmente resulta minimamente rendible, pode ser a mellor das noticias para unha sociedade que sempre viviu en situación de guerra.

Non creo que agora os palestinos se lancen coma tolos a comprar latas de refresco, pero estou seguro que axudará a transformar a imaxe que eles teñen sobre todo o que lles chega de occidente. Tampouco creo que ao goberno de Israel lle parece unha afrenta do goberno amigo norteamericano, pero probablemente lle supoña un cambio na súa estratexia de embargo constante.

En definitiva, esta decisión de Coca-Cola vai ter un gran valor político. Non sei se o terá tamén comercial, pero si social, e volvemos a unha estratexia de internacionalización lanzada polos estadounidenses hai xa máis de cen anos. Son capaces de que as súas empresas máis culturais, como pode ser o cine, o McDonals ou a Coca-Cola estean situadas en calquera curruncho do mundo. Estas marcas son as mellores embaixadoras do estilo de vida dos Estados Unidos e de novo volven ser os primeiros en situarse nos lugares aparentemente máis inhóspitos.

O tempo dirá como acaba a cousa, pero de momento, xa deron o primeiro paso para matar tres paxaros dun só tiro: o cultural, o comercial e o social.

Comentarios