Opinión

Concesións e privatizacións

COINCIDIRON no tempo dúas decisións contraditorias sobre un debate que xa está aberto en todo o seu esplendor. Por un lado, o presidente Feijoo anunciou unha parada na tramitación da lei de acuicultura para poder negociala mellor cos sectores implicados, e polo outro, o Ministerio anunciou unha renovación da concesión para que Ence poida seguir traballando na ría de Pontevedra sesenta anos máis.

No primeiro caso, a prudencia do mandatario levouno a facer un alto no camiño. Desde que puxo o debate enriba da mesa, foron moitas as críticas a un proxecto de lei que probablemente non sexa tan malo como din uns nin tan bo como din outros. A explotación do mar en granxas é xa unha realidade no mundo no que vivimos e probablemente sexa necesaria unha normativa clara que permita establecer procedementos para regular o sector. Sempre que se produce isto, hai unha primeira fase de rexeito dos que viven desregulados e que observan un cambio importante no seu futuro. Isto é lóxico, e xustamente os gobernantes son os que deben lidar co tema para chegar ao mellor acordo. Eu sempre defendín unha participación activa dos Estados nos procesos económicos e empresariais, especialmente cando afectan ao noso ecosistema natural, que é cousa de todos.

Esa mesma filosofía é a que defendo no caso de Ence. Creo que é bo que a implantación dunha factoría contaminante coma esta se regule a través de normativas e concesións administrativas. Poderiamos falar dunha xungla se non houbera ningún mínimo control por parte das autoridades para poder autorizar o xeito e a tipoloxía das empresas que precisan estar en lugares singulares.

Sen embargo, o procedemento ten unha parte importante que debe ser tamén valorada. Un goberno debe coñecer toda a información posible que lle permita tomar a decisión mellor e máis xusta. Estou seguro que os responsables do Ministerio coñecen as valoracións técnicas, a valoración da empresa e tamén a do concello. Neste caso hai unha clara discrepancia e namentres a empresa defende un modelo sostible instalado entre Marín e Pontevedra, o concello de Pontevedra denuncia a imposibilidade de conciliar esta industria con outros modelos económicos menos agresivos co medioambiente.

A discrepancia é necesaria e alguén ten que resolvela. Sen embargo, que esta decisión se tome cun goberno en funcións e cunha clara incerteza sobre estas políticas nos vindeiros anos, parece demasiado arriscado.

O tema poderíase resolver de varias maneiras. Desde facer unha prórroga moito máis limitada no tempo ata non resolver o debate. En calquera caso, fraco favor se lle fai a unha democracia cando un goberno en portas de saír, e cun proxecto moi indefinido para o futuro por parte de quen poida gañar, decide comprometer a evolución económica da ría de Pontevedra por máis de medio século.

Supoño que esta loita non rematou e que iniciaremos un rosario de demandas, preitos, e miles de litros de tinta nos xornais. En calquera caso, esta situación nin é boa para Ence, que vive nun sen vivir, nin para a cidadanía de Pontevedra, que pelexa por un modelo moito máis ecolóxico.

Comentarios