Opinión

Conciliación de antes e de agora

A OFICINA do “Defensor del Pueblo” presentou esta semana o seu informe anual sobre as queixas que presentamos os españois no ano 2015. Hai de todo tipo, pero fíxose especial atención nas demandas dun mellor modelo de conciliación da vida laboral e da familiar.

Boa parte destas queixas nacen dos horarios do sistema público de educación, fundamentalmente garderías, infantil e primaria que en nomeadas ocasións son imposibles de cadrar cos horarios laborais estándar de calquera traballador ou traballadora.

Lendo con detalle o informe obsérvase que hai dúas problemáticas claras, unha cos calendarios e outra cos horarios. O calendario laboral e o calendario escolar están aínda moi lonxe, con diferenzas entre os días festivos exclusivos para os colexios, períodos de vacacións sen ningún tipo de actividade educativa, horarios non compatibles coas xornadas laborais...

Falando cun bo amigo que traballa nisto explicoume que hai dúas premisas á hora de configurar o calendario escolar e os horarios. A primeira, como debe ser, a comodidade dos nenos e das nenas e a segunda, as posibilidades que permite o centro, os dereitos dos traballadores e as normativas legais que afectan ao asunto.

Coincido con este enfoque. Está claro que o principal é crear un clima correcto de atención aos pequenos pero probablemente a sociedade cambiou o suficiente para reconsiderar o que significa comodidade para os nenos. Probablemente antes era impensable que os pequenos se levantasen ás sete da mañá para ir ao colexio pero hoxe parece unha boa alternativa, especialmente no inverno, madrugar ás sete da mañá e acabar todas as actividades as cinco ou seis da tarde. Aínda seguimos programando actividades extraescolares que rematan ás oito ou as nove da noite que, en efecto, son claramente incompatibles con erguerse as sete ou incluso ás oito da mañá.

O mesmo pasa cos horarios de cada día. Os estándares laborais tenden a concentrarse en xornadas continuas ou partidas, pero en calquera caso, non estaría nada mal que tanto o laboral coma o escolar se concibisen para rematar as actividades a media tarde e non facer xornadas maratorianas que normalmente provocan un mal aproveitamento do tempo. A partir deste enfoque é cando hai que actualizar as normativas e os horarios dos profesores.

Coincido coa filosofía do modelo, pero cómpre facer varias actualizacións para poder adaptarse mellor ás novas necesidades sociais. Probablemente nunca houbo menos presenza dos avós e das avoas na crianza dos nenos coma agora e seguramente nunca os nenos estiveron tanto tempo diario sen os pais e as nais. E iso que debera solucionarse.

Os tempos cambian, e os sistemas educativos e laborais tamén deben cambiar. Unha sociedade avanza mellor coa estratexia da conciliación e da colaboración e por iso, non é de estrañar estas continuas e numerosas peticións ao “Defensor del Pueblo” buscando a mellora para todos: para os nenos, para os pais, para a administración e para a produtividade do país, en definitiva.

Comentarios