Opinión

Deporte, igualdade e heroes

A POUCO de que fagan un pouco de memoria comprobarán que nos últimos tempos as alegrías deportivas chegan da man das mulleres. Esta semana mesmo compensamos a derrota de Nadal coas vitorias de Garbiñe Muguruza.

Por sorte, cada vez máis somos conscientes do traballo de elite das mulleres e recoñecemos os seus méritos dun xeito moito máis sincero e aberto. Por exemplo, nas retransmisións televisivas de deportes femininos vemos a máis xente nas gradas, os deportes de base femininos son máis abundantes e comezamos a ter o respecto que se merecen grandes atletas.

Pero aínda queda moito por facer e todos temos a nosa cota de responsabilidade. Hai dous días, un dos mellores tenistas do mundo, Andy Murray, tivo de novo un discurso tan xusto como pouco habitual. Nunha rolda de prensa, despois de perder un partido, un xornalista comezaba unha pregunta dicindo que Sam Querrey era o único estadounidense que chegara ás semifinais dos torneos de Australia. Murray, interrompeu a pregunta dicindo que había tenistas mulleres norteamericanas que si gañaran ducias de torneos nos últimos tempos.

Dubido bastante que o xornalista estivese pensando en clave machista á hora de facer a pregunta. Probablemente lle esqueceu o importante que era o tenis feminino e estaba máis concentrado no contido da pregunta que na forma da cuestión. Sen embargo, estivo especialmente hábil Murray, que si estaba pensando na importancia do traballo das súas colegas, que deixou patente o máximo respecto que se debe ter por un deporte onde xa se acadan cotas moi parecidas tanto no feminino coma no masculino.

Esta actitude supoño que será a que todos teremos dentro dunhas décadas. Penso que aínda estamos algo lonxe, e son moitos os patróns machistas que existen na sociedade, tanto nos homes coma nas mulleres. Sen embargo, os valores de igualdade e de non discriminación están cada vez máis presentes e pouco a pouco imos rachando muros. A presenza feminina en postos de dirección, por exemplo, está a anos luz do que debe ser, pero tamén está a anos luz do que era hai 20 anos e iso é algo do que debemos tomar consciencia para seguir avanzando.

Probablemente nesta sociedade de vertixe teñamos que facer todas as cousas moi rápido, pero cómpre tamén saber avaliar cada un dos avances que logramos, aínda que parezan pequenos. Non todo se resolve con grades fitos, coma os de Rosa Park que se xogou o tipo no ano 1951 ao atreverse a non cederlle o sitio do autobús a un home branco, polo mero feito de ser branco. A Rosa custoulle o cárcere pero case setenta anos despois, o panorama mundial é claramente diferente.

Precisamos moitos máis Andy Murray, homes de referencia pública que teñen na cabeza o discurso da igualdade. Homes, que sen algarabías, aproveitan calquera oportunidade que teñen para dicir que as súas colegas son tan boas coma eles e que entre todos debemos asegurar que o futuro das nenas de hoxe está garantido polo respecto persoal e profesional.

Só así lograremos cumprir o soño da igualdade.

Comentarios