Opinión

Disciplina de voto

NUNCA ENTENDÍN moi ben porque a disciplina do voto en España se entende como unha garantía de democracia. Hoxe imos vivir un problema serio para o PSOE, que impuxo unha disciplina de voto moi férrea e sabemos de antemán que uns cantos deputados e deputadas van rompela. O PSOE non acepta que haxa díscolos na decisión máis polémica da historia do partido e iso é un problema ben gordo, que se pode agrandar cando os votantes opinen sobre o asunto nas vindeiras eleccións. Ademais, parece incompatible que haxa esta instrución cando a lei está pensada para elixir a deputados provinciais que teñen a obriga de defender os intereses do territorio que representan.

Noutras democracias, como a estadounidense ou a británica, non existe este concepto  disciplinario. É mais, o líder do partido ten que comezar convencendo aos seus da decisión para que tentar non perder ningún voto do seu partido. Unha vez que se ten logrado un mínimo é cando comeza a negociación co de enfronte. Nestas democracias, o deputado ten que loitar, casa a casa do seu distrito, para lograr os votos e case sempre ten
coma rival a outro candidato do mesmo partido. Isto provoca que cando chega o momento de votar leis, o deputado de cada distrito analiza se lle interesa ou non esa acción de goberno, sexa do seu partido ou sexa do rival. Nese contexto, é onde se move o seu voto e calquera amago de instrución disciplinaria causa o efecto contrario ao desexado.

Agora parece ser que se os deputados díscolos non votan o que di a xestora entramos nunha sorte de espiral afuracanada onde se ameaza incluso coa expulsión do grupo parlamentario. Isto provocaría un paradoxo, no que o grupo mixto sería máis numeroso que o propio PSOE, polo que estariamos falando dun suicidio de proporcións cósmicas.

A democracia caracterízase, non tanto pola imposición da maioría que sería unha ditadura, senón pola posibilidade de incluír o maior número de sensibilidades nunha decisión. Dar un golpe de temón na situación na que está o Partido Socialista dista moito dos principios da socialdemocracia que brota na pedra filosofal do partido, e sería un importante paso nunha estratexia do medo dificilmente compatible coa recuperación deste partido.

A parte instrumental parece que está garantida, porque con sete deputados que se absteñan o candidato do PP será presidente. Saír deste gran barrizal pretendendo castigar aos que teñen unha opinión contraria é unha hipótese con todos os visos de converterse en catástrofe.

Hai moitos anos, cando andaba metido en liortas laborais, un vello sindicalista doume un consello que nunca esquecín. Díxome que en todo conflito cómpre deixar unha porta aberta para que o gato puidese escapar. "Non hai peor cousa que un animal encerrado nun cuarto, con ganas de saír e non ser capaz", díxome. Neses casos, aconselloume, sempre se debe garantir unha porta de saída e lograr salvar os mobles. Un bo consello, si señor.

Comentarios