Opinión

A efectividade na busca de traballo

RESULTA que se produciu un cambio importante nos mecanismos que utilizamos para atopar traballo. Hai uns anos, o xeito máis eficaz eran as oficinas de emprego (Inem, Servizo Galego de colocación, ....) Agora, o máis eficaz, por esta orde son as candidaturas espontáneas, internet, e os familiares e amigos.

Estes son uns datos que se desprenden do Estudo sobre a inserción laboral dos titulados universitarios en Galicia. A enquisa foi feita sobre os rapaces e rapazas que se titularon no ano 2011 e ela demóstrase que os mecanismos de busca de emprego foron variando ao longo dos anos.

É curioso observar que os esforzos máis importantes das administración do estado para que os universitarios atopen traballo son dos menos eficaces, a pesares de seren dos máis usados. Estratexias coma as oficinas de emprego, as bolsas universitarias, as oficinas de orientación xuvenil están claramente no grupo de cola.

Se nos vamos ao grupo do máis eficaz, observamos que todo sigue igual que hai trinta anos, agás a chegada de internet. Segue sendo altamente eficaz ter un amigo que nos recomende, ou entregar o curriculum porta a porta. Isto, de novo, volve ser un exemplo claro de que os vellos modelos poden convivir perfectamente cos novos, e normalmente todos os mecanismos de destrución total do “clásico” non traen as consecuencias desexadas.

Deste estudo, elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, demostra tamén que o porcentaxe de empregabilidade dos titulados universitarios é superior á media española, cunha cota media de inserción laboral do 67,53%, algo superior a anos pasados. Polo tanto, ter unha boa formación segue sendo garantía de ter máis posibilidades de atopar o traballo desexado.

Sen embargo, hai un dato que resulta demoledor. O salario medio neto dos titulados redúcese progresivamente e a media supera por pouco os mil euros mensuais. En efecto, algo vai mal, pero non só para os universitarios senón para todos. Lembro un artigo do Nóbel de Economía Paul Krugman cando alertaba dos perigos da deflación. Dicía, hai xa unha década, que a redución de salarios e de capacidade adquisitiva era o principal problema de calquera economía do mundo. “Se falamos, dicía el, de redución de soldos das familias debemos ser conscientes que a crise é infinitamente máis fonda do que poidamos imaxinar”.

É certo que os universitarios teñen máis posibilidades de traballar, pero tamén é certo que se están igualando as condicións laborais dos titulados superiores e dos titulados medios ou con formación básica. As competencias e as responsabilidades deben ter sempre unha consecuencia laboral e salarial para que calquera empresa, institución ou país funcione. Por iso, quizais teñamos que comezar a preocuparnos polo atractivo que resultamos como sociedade para ter os mellores profesionais.

Comentarios