Opinión

Estrellas do rock

VAN XA tres ou catro ocasións nos que un personaxe que fala de psicoloxía, de filosofía ou de cousas aparentemente moi sesudas enchen auditorios de centos de persoas.

Unha das prioridades que temos os de comunicación, e lograr que a xente faga o que nós queremos que faga. Comprar un deterxente determinado, votar a un candidato ou lograr que os mozos vaian a un concerto de rock. Un dos retos máis difíciles que temos é ir en contra da moda e lograr que a xente faga o que, a priori, non quere. E se falamos de gustos, como pode ser a música, a literatura ou o cine, a cousa complícase máis aínda.

Hai un par de días un filósofo, que se chama Slavoj Zizek logrou deixar fóra do auditorio do Círculo de Bellas Artes de Madrid a varios centos de persoas. Este home non é especialmente famoso. Non sae nas televisións, a súa actividade en redes sociais é máis ou menos a de calquera cidadán activo. Ten 33.000 seguidores, e publica máis ben pouco. Moi lonxe das grandes estrelas de rock e dos famosos que saen na tele.

Sen embargo, logrou a traer ao seu show sobre filosofía a varios miles de persoas, ansiosas por escoitar reflexións filosóficas sobre a vida mesma. É certo que Zizek é un provocador intelectual, que defende conceptos curiosos coma o socialismo burocrático e di cousas como “Zuckerberg y Elon Musk son moito más perigosos que Donald Trump”, referíndose a dous dos emprendedores máis importantes do mundo capitalista.

Hai uns anos pasoume algo parecido con Leo Bassi. Tiven que tomar a decisión de autorizar unha actuación deste actor, sempre polémico, no seo das aulas universitarias. Había unha polémica moi importante, porque o alcalde daquela de Santiago de Compostela negáralle a utilización do Teatro Principal. Decidín defender a liberdade de expresión, a costa de que aquilo saíra coma o rosario da Aurora e me enfrontase a polémicas difíciles de xestionar.

A cousa saíu ben. Eu diría que moi ben. Ademais de non levantar demasiada polémica, logrou encher unha sala de 300 persoas dúas veces, facendo un dobre pase non previsto. A xente ía mirar a este paisano medio aloucado, pero realmente atopouse cunha crítica feroz a varios estándares da sociedade, o mesmo que fai Zizek.

Este tipo de cousas son as que demostran que nin a xuventude está perdida nin que a sociedade está aplacada por non sei que forzas escuras. A xente sigue interesándose por aqueles que din cousas interesantes, igual que hai mil anos. É verdade que as novas tecnoloxías axudan moito ás mobilizacións, pero o máis importante segue sendo a mensaxe que se lanza. Por iso, sempre haberá un grupo de xente preocupada da nosa existencia que terá un grande éxito e que logrará que rapaces de 16 anos, en pantalón corto e gorra para atrás, asistan un día do mes de xuño a escoitar a un tipo de sesenta anos que lles vai berrar por ser como son.

Comentarios