Opinión

Ética e banquillo

É CURIOSO o proceder de Facenda co tema da presunta evasión fiscal dos dous actores protagonistas da serie Cuéntame. Soubemos hai uns días que a Axencia Tributaria informou a RTVE dos posibles conflitos morais nos que se podería incorrer se o ente público renovase a contratación de novos capítulos da serie cos mesmos protagonistas.

Creo firmemente na ética, sendo consciente de que as actitudes éticas dependen da persoa, e da sociedade na que vivimos. Sen embargo, resúltame novidoso que un ente sancionador, como pode ser o Fisco, informe de problemas éticos e non legais.

Non teño especial predilección nin pola serie nin polos seus protagonistas, pero recoñezo que Cuéntame é un negocio que dá de comer a moita xente. Nunha serie coma esta interveñen de cote máis de duascentas persoas, e o que é mais importante, satisfán a necesidade de ocio durante unha hora e pico á semana de varios millóns de persoas.

Sen embargo, coido que a fama non debe ser un agravante nos procesos de investigación. Polo feito de ser famoso, estes dous actores están sendo condenados publicamente, moito antes de que o faga un xuíz, e están sendo apartados do seu oficio apelando só, e polo de agora, a principios éticos.

É certo que tanto Imanol Arias como Ana Duato teñen unha retribución que supera, por moito, a de calquera traballador asalariado e que probablemente habería que discutir o investimento público que fai a RTVE en series coma esta. Sen embargo, non deberiamos caer na tentación de crucificar a dous señores que cobran o que se lles paga, aínda que sexan cantidades indecentes. Se hai un acordo entre as partes e é legal, non deberiamos entrar a discutir se é máis ou menos ético que se sigan contratando apelando a uns indicios de fraude fiscal.

Outra cousa é a información que se debe facilitar sobre sucesos coma este dos papeis de Panamá. Eu sempre defenderei a necesidade da poboación de coñecer a realidade dos feitos, e non se pode agochar que hai un posible delito. Pero tamén defendo a información exacta, na que se indique claramente as fases dos procesos. Se estamos en investigación, hai que dicilo, e se estamos en condena tamén.

Sen embargo, contaminar estes espazos crea unha atmosfera de caza de bruxas incompatible coa democracia que todos anhelamos. Por iso, pouco axudan os escritos oficiais que falan sobre ética, que se adiantan ás decisións xudiciais e que poñen na diana a unhas persoas que teñen unha especial relevancia pública.

Estas condutas enturban o magnífico traballo dos profesionais que perseguen os delitos e complican bastante as posibles instrucións xudiciais.

Cabería a tentación de culpar ao mensaxeiro, aos medios de comunicación por publicar a noticia. Sen embargo, a raíz do asunto nace dunha mala praxe, que buscando alertar dun problema, acaba provocando outro máis grande.

Non debemos esquecer, que a condena pública por estar sentado nun garantía é un mal case sempre irremediable que se debe evitar en beneficio da pena real, a que pasa por todos os controis de garantía xurídica e de xustiza.

Comentarios