domingo. 27.09.2020 |
El tiempo
domingo. 27.09.2020
El tiempo

Fidelidade empresarial

HAI UNHAS semanas tiven a oportunidade de escoitar a Vicente del Bosque falando de emprendemento. O público estaba formado por case mil rapaces ansiosos de escoitar o mellor consello para lograr cumprir os seus soños. A primeira mensaxe de Del Bosque, foi clara: «Non sei que pinto eu aquí, porque eu son fiel á miña empresa, o Real Madrid, e iso é algo que marca a miña vida diaria».

O adestrador rompeu así o mito de todos os seus antecesores, forofos da experimentación e do cu inquieto. As mensaxes que se lanzaron durante dous días foron as de non ter medo ao fracaso, a de buscar sempre a mellor oportunidade, a de arriscar polas ilusións, ... Del Bosque, coa súa experiencia de setenta anos, defendía o contrario. Defendía a fidelidade empresarial, o temos ao fracaso, e o respecto ás decisións empresariais que marcan o rumbo dunha empresa.

Logo matizou, que respecto non implica necesariamente aceptación, pero si debate serio e formado sobre cada un dos elementos que fan viable a un proxecto empresarial.

A verdade é que foi un xerro de auga fría sobre o auditorio. Esperaba escoitar falar de estratexias de fútbol ou de xestión de vestiarios. Sen embargo, o «míster» dou unha lección de seneridade que só se pode dar cando un tivo a traxectoria que tivo el.

Corren malos tempos para a fidelidade empresarial. O propio tecido empresarial promove que non haxa esta fidelidade con malas estratexias coma a contratación temporal sen xustificar ou trucos laborais para poder despedir do xeito máis barato posible. As empresas «de antes» premiaban aos traballadores con xantares ou aguinaldos de Nadal, pero sobre todo con tranquilidade ao saber que un traballador honrado tiña garantido o posto de por vida.

Hoxe o modelo empresarial máis moderno fundaméntase en enxeñerías fiscais e organizativas, capaces de buscar o xeito de vender máis rápido e atender mellor ao cliente. De feito, un cliente de hoxe non toleraría os tempos de antes e probablemente tampouco se sentiría cómodo coas vellas peticións de credibilidade, como anticipos ou avais. Sen embargo, lonxe quedan os empresarios que coñecían a todos os seus traballadores, como Eduardo Barreiros, capaz de recordar o nome dos seus 10.000 empregados e que construía nos sesenta garderías, economatos, clínicas e escolas para as familias dos seus traballadores.

Todo este modelo cambiou, probablemente para mellor, pero se un observa as grandes empresas que hoxe triúnfan e observa dous modelos: os que deciden abaratar man de obra, producindo fóra e buscando modelos complexos de relacións laborais; e os que deciden apostar polos seus traballadores, esixindo un mellor traballo pero garantido a estabilidade.

Os dous modelos existen. Os dous teñen éxito. O que non sabemos aínda son as consecuencias que dentro de vinte ou trinta anos terán para eses mozos, capaces de dar hoxe o mellor da súa vida profesional, anhelando unha xubilación acorde co traballo realizado. Nestes temas como pensións, produtividade,... todos temos que poñer o noso grao de area, porque os beneficios e os perxuízos van ter consecuencias severas para todos nós.

Fidelidade empresarial
Comentarios