Opinión

Fútbol, Facenda e paixóns

NON DISCUTO que teño unha especial inclinación a falar de fútbol exclusivamente cando Facenda anda polo medio, pero non me podo resistir a analizar este barullo formado entre Facenda, Cristiano Ronaldo e os xornais de media Europa.

Saben vostedes que unha investigación liderada por unha sorte de consorcio europeo de medios de comunicación en busca da verdade destapou o que podería ser un fraude fiscal millonario de varios futbolistas. En España, o máis relevante é o caso de Cristiano Ronaldo, ao que acusan de defraudar os impostos dunha actividade que lle reportou 150 millóns de euros. Parece ser, que presuntamente este home aproveitaba un entramado de empresas para non ter que tributar en España. Este é un paso máis nesta loita que iniciou Facenda e a Axencia Tributaria hai uns anos e que xa salpicou a outros futbolistas coma Messi ou Neymar, o que nos fai pensar que algo está cambiando no negocio do fútbol.

Cada vez que se produce un avance en estes asuntos xorden dúas posturas. Uns, defenden o traballo neutro dos inspectores de Facenda, ou mesmo dos xornalistas de El Mundo, como é no caso de Ronaldo. Outros, non tardan nin medio minuto en falar dunha conspiración brutal de non sei que poder contra os intereses do clube do xogador ao que lle toca a china. Nesta caso, parece ser que o mundo está contra o Real Madrid porque lle vai moi ben na Liga, pero hai uns meses o complot era contra o Barcelona. Nunca esquecerei a reacción dun grupo de xente que esperaba a Messi á porta do xulgado para aplaudirlle e animalo contra este pretendido complot, cando o xogador acababa de chegar a un acordo con Facenda de varios millóns de euros, recoñecendo o fraude.

Os responsables dos clubes saben xogar a baza da paixón. Saben que o fútbol non entende de raciocinio, senón de paixóns, porque doutro xeito nunca se entendería que un directivo aceptase a asinar un contrato no que se impón a cor das zapatillas ou o rollalti por asinar un cromo. En calquera empresa mercantil normal, un directivo sempre debe loitar polos intereses da empresa, e non por caprichos exclusivos dos divos. Ata o de agora, esa paixón provocaba unha especia de complicidade social co fútbol. Apenas había casos de problemas con Facenda, cando boa parte dos clubes estaban demasiado endebedados; tampouco se coñecían casos de dopaxe, cando nos outros deportes había ducias. Incluso se inventou un tribunal non xudicial especial para atender os problemas que puidera haber entre equipos.

Sen embargo, teño a percepción de que os clubes de fútbol deixaron de ser uns intocables para converterse en empresas normais e correntes, coas súas obrigas e os seus dereitos. A paixón de cada un non debe cegarnos ante unha realidade, que non deixa de estar formada por traballadores moi cualificados, que reciben uns salarios moi bos dunhas empresas que funcionan grazas aos seus socios e aos beneficios da súa actividade mercantil. Igual que calquera empresa do mundo.

Comentarios