Opinión

Imputado e investigado

A LEI que rexe en España os procesos de enxuizamento criminal é bastante vella. Exactamente foi aprobada no ano 1882. Ao longo destes anos fixéronse numerosos arranxos pero nunca se acometeu unha reforma profunda.

Parece que agora si lle vai tocar e o goberno anda nun proceso de reforma máis fonda. Entendo que este tipo de normas teñen que ter unha certa estabilidade no tempo, pero é certo que o tipo de delitos e a consecuencia das penas impostas variaron moito nestes 133 anos.

Un dos cambios curiosos ten que ver coa nomenclatura da situación dunha persoa. Ata o de agora, a lei fala de “imputados” e o goberno pensa cambialo por “investigados”. O cambio non é só lingüístico senón que hai elementos que merecen unha pequena reflexión. “Imputar” nace da acepción latina imputāre que ven implicar a atribución a alguén a responsabilidade dun feito reprobable. Polo tanto, cando falamos de imputar, entendemos que alguén xa recibe a atribución de algo malo.

O cambio é moi importante. Moitos podemos ser investigados e non todos teñen que acabar como imputados.

Se falamos de “investigar” a cousa cambia. A base latina desta palabra é investigāre, que significa “Facer as dilixencias para descubrir algo”. Polo tanto, non creamos unha atmósfera de culpabilidade e simplemente dicimos que hai unha sospeita que merece ser analizada con profundidade. Polo tanto, desde o punto de vista etimolóxico falamos de dous estadios diferentes. Un é investigar, que significa analizar, e outro é imputar que significa aplicar responsabilidade de algo malo.

Na xustiza o cambio é moi importante. Moitos podemos ser investigados e non todos teñen que acabar como imputados. Sen embargo, si é certo que o uso social desta última acepción implica a creación dun imaxinario claro de culpabilidade. De feito, esiximos con moita frecuencia dimisións polo feito de estar imputados sen esperar, nin tan sequera, a unha sentenza que fale de culpabilidade.

A cantidade de procesos xudiciais e a repercusión social de hoxe non ten nada que ver coa de 1882. Calquera persoa investigada en Murcia, por poñer un caso, sae nos xornais de Pontevedra en tempo real. Iso, por definición, implica un aumento sensible da carga da chamada “pena de banquillo”, ou o que é o mesmo, a condena pública aínda que non haxa elementos definitorios de culpabilidade.

Por iso creo que pode ser un acerto este cambio de denominación. Falemos de sospeitosos e falemos de investigados e deixemos o concepto imputación para os casos nos que os indicios son claros para a outorgar unha primeira responsabilidade que debera ir acompañada coa apertura dun xuízo oral ou mesmo dunha sentenza provisional.

É normal que as leis vaian lentas, porque é fundamental o tempo de asentamento de hábitos sociais, e creo que este tipo de medidas axudan a que pouco a pouco isto vaia funcionando mellor.

Comentarios