Opinión

Industria e cultura

ESTA SEMANA pasaron cousas importantes para o mundo das que xa saben todo o que hai que saber. O luns sabiamos que era imposible que Trump gañase, e o mércores descubrimos que gañou. O luns tiñamos claro que entrariamos nunha ecatombe se gañaba o Republicano, e o mércores quedamos máis tranquilos cando o novo presidente dos Estados Unidos dixo que o importante era a unión de América. Estou seguro que o discurso irá adaptándose ao novo contexto e que teremos unhas cantas tardes de gloria, pero seguramente non se fagan a metade das cousas que dixo que ía facer.

Sen embargo, houbo unha noticia que pasou máis desapercibida pero que resulta moi importante. O Tribunal Supremo de España anulou o Real Decreto que aplicaba o canon dixital, que ordenaba un mecanismo de compensación equitativa aos autores artísticos polo traballo realizado a partir dunha partida específica dos orzamentos. O mecanismo entendía que todos os españois deberiamos pagar a creación cultural do país a través dos nosos impostos en lugar de pagar unha cantidade por cada soporte que compraramos.

Este novo modelo foi rexeitado en dúas ocasións. Primeiro polo Tribunal de Xustiza Europeo e segundo polo Tribunal Supremo. Os tribunais entenden que non é admisible que se fagan compensacións a colectivos a partir dos orzamentos xerais, xa que deste xeito todos os contribuíntes, consuman ou non consuman cultura, son os financiadores dun colectivo profesional. Este Real Decreto tampouco agradaba ao sector empresarial cultural, porque co pago de canon por produto conseguín máis de 100 millóns ao ano e co pago do canon a través dos orzamentos non chegaban a 5.

O problema sen embargo, está no concepto de compensación equitativa. No modelo europeo, herdeiro nestes temas da filosofía francesa, establécese que a sociedade debe asumir os custes da cultura, porque a cultura é un elemento intrínseco á propia sociedade. Noutros modelos, coma o estadounidense, enténdese que a cultura é un elemento que debe ser pagado por quen a consume e, polo tanto, non debe existir ningún tipo de compensación, máis alá das avantaxes fiscais ou subvencións que puideran facerse para un produto concreto. Dentro do modelo europeo hai tamén dous xeitos de afrontar o obxectivo. Ou ben o estado asume esa compensación, ou ben os cidadáns pagan unha especie de imposto por cada cousa que se compren, ben sexa unha creación cultural, ben sexa un soporte baleiro onde se poida distribuír e almacenar unha creación cultural. Nos dous casos, a lexislación entende que é imposible determinar o uso final do soporte e, polo tanto, débense tomar medidas preventivas para garantir que o autor recibe a correspondente compensación pola súa obra.

Algo falla. Nos modelos dixitais este problema está mellor resolto porque é posible controlar mellor o uso da música e do audiovisual e se dilúe a fronteira entre dereito á propia copia ou dereito á compensación por uso público. Sen embargo, a solución que lle estamos dando aos soportes tradicionais sempre e polémica e quizais deberamos asumir que a industria cultural ten tamén que adaptarse un pouco máis aos estándares da produción industrial.

Comentarios