Opinión

Intelixencia artificial

OS COCHES máis listos do mundo xa se poden mercar en España. A compañía Tesla, que foi capaz de facer realidade o soño dos coches autónomos,vai comezar a vender en España dous dos seus modelos, e en poucos meses poderemos ver coches que conducen sos polas nosas autopistas e autovías. Sen dúbida, este vai ser o gran avance dos coches nesta década do século XXI. Na década dos noventa do século XX, a novidade foi a seguridade, coa chegada do ABS e do Airbag, e nesta década que estamos, ata o de agora, a novidade está na conectividade do coche co seu entorno, cos bluetooth e demais historias, e os motores eléctricos e híbridos. Sen embargo, a posibilidade de lograr que os coches circulen automatamente é algo que vai transformar o mercado en poucos meses.

Está claro que a electrónica e a mecánica van por un camiño claro, pero en cada avance xorden problemas doutra índole que a humanidade debe acometer. Por exemplo, aparecen novos conflitos éticos, que ata o de agora estaban reservados para os humanos, pero que deben trasladarse ás máquinas. Póñolles un exemplo: ante unha situación de perigo, o coche debe decidir se atropela a un neno ou se se desvía a unha cuneta que acaba nun acantilado. Polo tanto, o coche debe decidir se mata a unha persoa ou se salva ao condutor. A tecnoloxía permite que esta decisión se tome en milésimas de segundo, pero é imprescindibles que se lle aporten as distintas posibilidades para que a máquina execute a decisión predefinida. Entramos pois, nun entorno moi complexo que debe ser estudado con fondo interese polos expertos en tecnoloxía, pero tamén en cuestións legais e filosóficas.

Do mesmo xeito, cómpre avanzar en aspectos de seguridade, que tamén son moi importantes. As novas tecnoloxías provocaron unha baixada de atención dos cidadáns pola seguridade de elementos que ata o de agora non se consideraban na súa xusta medida, coma os datos persoais. Recentemente, un proxecto de investigación da Universidade Carlos III de Madrid demostrou que Facebook gana moitos cartos cos nosos datos. A falsa creza de que existen produtos gratuítos pode levarnos a pensar que o uso de tecnoloxía moi sofisticada a custe cero é unha acción de altruísmo social de grandes empresas, cando en realidade é unha contraprestación pola cesión gratuíta que nos facemos dos nosos datos.

Nos coches, o tema aínda se complica máis, porque calquera compañía vai ter a posibilidade de saber en que punto exacto estamos, cales son as nosas rutinas diarias como saber a que hora saímos da casa e a que hora chegamos, o noso estilo de condución, o consumo de combustible do noso coches, .... En fin, miles de datos de gran valor comercial que nós podemos estar cedendo a cambio de nada.

O avance da humanidade sempre será positivo, especialmente se en cada paso que se dá temos a plena tranquilidade de facer todo o posible para que o futuro sexa mellor. E iso só se consegue cunha visión interdisciplinar de cada novo proxecto.

Comentarios