Opinión

A intimidade pública

EU SON UN férreo defensor da intimidade. Creo que o máis importante da liberdade é poder xestionar as persoas que entran no espazo persoal de cada un. Entendo, polo tanto, que a xustiza utilice a ruptura da intimidade como arma de castigo dos delincuentes e por iso, por exemplo, as sentenzas son públicas, por moito que o condenado tente evitalo.

Esta semana vivín tres episodios de ruptura da intimidade inquietantes. Un foi en Santiago, cando 10 persoas dun sindicato fixeron unha manifestación contra unha persoa no seu lugar de traballo. A causa da protesta era unha posible débeda da persoa cunha traballadora do seu fogar e non deixaba de ser unha medida de presión cara un xuízo que se celebraba un par de días despois. Os centos de persoas que traballaban alí puideron saber dos problemas que tiña esta persoa no seu fogar, sen máis información que a dada polo sindicato.

Outro foi o caso do fillo de Feijoo. Algo tan íntimo como pode ser un fillo e que pouco afecta á profesión de político que pode ter o presidente, apareceu nos medios de comunicación como unha noticia de portada. Alguén decidiu que esta noticia era de interese xeral, que así o foi, creándose un debate interesante sobre canto inflúe este tipo de anuncios nunha campaña política.

Para o terceiro caso de ruptura de intimidade voume aos Estados Unidos, onde a candidata Clinton meteuse nun bo berenxenal por ocultar que estaba enferma de neumonía. É certo que na sociedade norteamericana valórase especialmente a transparencia, e posiblemente se o dixera moitos se compadecerían e o feito de non facelo provocou para outros moitos unha sensación de engano.

En calquera caso, nos tres casos falamos de algo de esfera particular que por unha razón ou por outra, transcendeu á esfera pública. Asumo que cada un debe poñer os límites á súa intimidade. Para uns, están moi baixos, e non teñen ningún problema en airear toda a súa vida, ben no patio dos veciños ou ben en Twitter. Para outros, son extremadamente altos, facendo moi difícil a convivencia en calquera tipo de comunidade de veciños. Sen embargo, debemos defender que cada un sexa libre de poñer os límites propios. O feito de espectácularizar a vida do veciño é algo que está penado, pero creo que non o suficiente. Cada persoa debe ter a tranquilidade de poder esconder ou amosar o que considere, sempre e cando non se rompan os límites do delito, onde a repercusión pública é imprescindible.

Non sei como acabará o tema da señora de Santiago, nin se o xuíz lle dará a razón a empregada ou a que contrata. Non sei tampouco quen tiña razón, pero si sei que o dano feito polos manifestantes é importante na honorabilidade desta persoa. Foi unha ruptura clara da intimidade do seu fogar nun espazo público, sumamente concorrido, e iso é algo que afecta sobremaneira á reputación.

Hoxe é ben sinxelo ter a tentación de ser flexible coa intimidade de cada un, porque todo está a un golpe de botón do noso teléfono móbil. Sen embargo, cómpre pensar as cousas dúas veces antes de darlle ao botón de enviar.

Comentarios