Opinión

Libre comercio

RECOÑEZO A “innovación” do Parlamento Europeo para resolver o problema do desacordo co Tratado de Libre Comercio entre a Unión Europea e os Estados Unidos. Iso de non debater nin votar para que as cousas se arranxen soas é certamente sorprendente, máis propio dun problema entre os nenos dun patio do Colexio que duns señores deputados que eliximos xustamente para que arranxen os problemas.

As posturas políticas e éticas con este tratado son claras. Abrimos unha especie de autopista de mercadorías entre dúas das tres grandes potencias mundiais e todo parece indicar, polo menos a priori, que imos gañar ambas partes.

Sen embargo, a pouco que estudemos a letra pequena , observamos que hai varios problemas que requiren unha negociación clara e contundente, e resultará imposible poñer de acordo a un socialdemócrata e a un liberal.

En principio é bo ter un pacto entre cabaleiros que nos permitan aforrar impostos, taxas e gastos burocráticos. Pero para un socialdemócrata non é nada bo que se eliminen todas as barreiras que permiten regular consumos, prezos e incluso o valor dos produtos. Iso mesmo pensaban os agricultores franceses cando nos queimaban os camións da froita polos anos noventa do século pasado, pouco despois de que España entrara na Comunidade Económica Europea. Daquela o problema era a eliminación de impostos que gravaban os produtos españois e que lle provocaban un claro perxuizo aos autónomos galos.

Un liberal, pola contra, debera estar encantado con este tipos de acordos. Por fin, pensará el ou ela, o máis importante é a competitividade empresarial que repercutirá claramente no cidadán xa que o aforre de taxas provocará necesariamente unha redución de prezos e, polo tanto, as empresas nacionais terán que facer todo o posible para ser máis competitivos. Eliminaríase así a intervención do estado nos mercados, algo ao que sempre aspiran os liberais.

Este debate, certamente interesante, é o que se ten que dar no seo do Parlamento Europeo. Resulta que agora aprobouse debater a medias e non votar porque o elevado número de enmendas, é dicir, de propostas de correccións, fai inxestionable o debate. Aquí é onde está o gran erro. O parlamento é, por definición, á cámara dos debates. O poder executivo é o da acción e o xudicial é o do control, pero os debates teñen que producirse. Do contrario, entraremos nunha espiral complexa na que finalmente as decisións non as tomarán os do poder executivo, senón as propias empresas interesadas; o parlamento só discutirá sobre a coma dun papel e non do fondo; e o poder xudicial non saberá moi ben que facer cando as leis non sexan claras e aparezan sucesos que aparentan ser delictivos pero non está nin definidos nas normas.

É unha mala noticia este tipo de actuacións. É certo que o Parlamento é o suficientemente grande, son 750 deputados e o presidente, para pensar que pode ser ingobernable e probablemente haxa que reformular todo o asunto da representación de cada territorio. Pero iso non debe implicar que deixe de lado a súa principal función, que é discutir os temas e propoñer solucións.

Comentarios