Opinión

As masas

Din as crónicas que Prince foi un deses músicos cheo de luces e de sombras que inundaron a creación musical do Pop dos anos oitenta e noventa. Seica era deses que piden mil toallas brancas no cuarto ou que teñen que terlle no coche non sei cantos tipos de chocolate, pero tamén é certo que lograba atraer a unhas cantas de ducias de miles de persoas nos seus concertos e fixo cancións que todos somos capaces de tararear debaixo da ducha.

O curioso deste artista é que levaba xa varios anos fóra do mundo da industria musical pero seguía mantendo aos seus fans a través de concertos alternativos, regalos da súa música a través de agasallos que veñen nos xornais os domingos, .... É polo tanto, un innovador da industria foi quizais uns dos pioneiros en montar as súas propias redes sociais como se facía antes, co corpo a corpo.

Iso é o que explica que sexa un ídolo aclamado polas masas o día da súa morte. Hai pouco tempo pasoulle algo parecido a Michael Jackson e supoño que lle pasará a Madona ou aos Rolling cando morran, pero segue sendo moi interesante analizar como os grandes mitos seguen sendo un polo de atracción de miles de persoas. Seguimos vendo nos telediarios imaxes de nenas e non tan nenas chorando a cachón pola morte do ídolo e veremos como as ventas dos seus discos aumentarán durante unha temporada.

Hai poucos días publicáronse os resultados económicos dunha das principais empresas de redes sociais do mundo, a famosa Twitter. Son desastrosos e todo apunta que en pouco tempo entrará nunha zona de quebra técnica. Bos analistas apuntan a un cambio de ciclo nisto das redes sociais, onde só van ter éxito económica aquelas que sexan capaces de aportar valor aos seus usuarios. Referíanse ás redes especializadas que axudan a buscar traballo, por exemplo, ou a compartir servizos, coma o famoso Uber.

Esta teoría ten algunha lagoa, coma o Facebook que segue sendo rendible, aínda que cada vez se especializa máis, pero o certo é que os usuarios que aportan retorno económico son os que están dispostos a pagar por algo, ben sexa directamente ou a través doutros modelos. O éxito de Google, por exemplo, é vender a a información de cada un dos nosos perfís, aínda que sexa anónima, a todos aqueles que están dispostos a pagar por ela, nomeadamente con fins publicitarios.

Os usuarios de Prince compraban discos, acudían a concertos e agora choran ás portas da súa mansión. Dubido que un un por cento dos usuarios de Twitter ou de Whatsapp saiban como se chaman os seus fundadores e onde teñen as súas mansións.

Estamos nun momento no que pasamos de grandes medios de comunicación de masas a grandes masas con medios de comunicación. Isto é un cambio de paradigma que nos está sacudindo a todos pero a día de hoxe, os usuarios “analóxicos” seguen tendo moito que dicir na economía e na sociedade.

Comentarios