Opinión

Mocidade e machismo

O presidente da Xunta alertou onte de algo que me parece especialmente importante e grave. Dixo que en Galicia se detectou un aumento de casos de violencia machista, física ou psicolóxica, entre adolescentes. O tema é para preocuparse, e incluso asustarse. É certo que nestes casos hai que ter dúas precaucións. Primeiro, as estatísticas, que non deixan de ser un reflexo dunha mostra e cómpre analizar os temas con detalle. E segundo,o necesario equilibrio entre a dimensión cuantitativa e a profundidade cualitativa. Seguro que non falamos de un número importante de casos, pero pouco importa o número a quen lle toca estar nesta situación. A unha rapaza agredida por outro mozo non lle importan nin as ducias nin os centos de casos parecidos, senón o seu caso e xustamente nesa situación é onde a familia e a administración ten que actuar con toda contundencia.

Hai uns anos, cortando o pelo, tocoume ao meu lado un rapaz duns 16 anos. Na conversa máis ou menos banal que temos cos nosos barbeiros, o rapaz explicáballe que el non lle permitía a súa moza andar coas amigas “porque iso hai que explicarllo ben desde o principio, senón despois non queda máis remedio que andar a hostias”. A verdade é que este argumento nos deixou fríos tanto ao peluqueiro coma a min. A primeira reacción foi a de asegurarse de que falaba en serio e a segunda, a de intentar explicarlle o grao de barbaridade do que esta dicindo.

O rapaz non se tomou ben a nosa recriminación e marchou ben cabreado asegurando que el si sabía o que tiña que facer coa súa moza. Anos despois souben que o rapaz madurara e que aquelas ideas machistas e incompatibles co século XXI xa desapareceran da súa cabeza.

Estou seguro que foron varios os elementos que provocaron este cambio de actitude. Seguro que a a familia do rapaz tivo algo que ver e a educación que foi recibindo tamén foi importante. Sen embargo, o que marca o cambio radical é a actitude da rapaza, que lonxe de quedar paralizada polo medo, busca axuda para separarse desta mala compañía. É xusto nese momento onde temos que ter clara a función de cada un. Dos máis próximos, pero tamén do veciño ou veciña que sinte gripos e golpes, dos profesores que ven aos nenos desencaixados cando van ao colexio, dos corpos de seguridade que garantan un trato respectuoso coa vítima, dos amigos do agresor que deben presionalo para un cambio de actitude radical, e de todos aqueles que sintamos a necesidade de ter que facer algo.

A eliminación da violencia contra as mulleres é algo que necesariamente ten que ser colectivo. É imposible atallar este problema desde unha soa óptica e o primeiro avance é comprender que todos estamos implicados. Se non asumimos esta responsabilidade colectiva, seguiremos enchendo os cemiterios de mulleres, novas e maiores, altas e baixas, morenas e louras, que tiveron a mala sorte de atopar cun criminal na súa vida que lonxe de amalas, só quería controlalas.

Comentarios