Opinión

Nenas

TRES RAPAZAS protagonizaron a actualidade desta semana. Por desgraza, todas por traxedias. Casualidades do destino, xutáronse na mesma semana o inicio do xuízo contra os pais de Asunta Basterra, unha nena que apareceu morta hai dous anos a poucos quilómetros de Santiago de Compostela, a demanda duns pais para que unha nena de 12 anos non siga sufrindo por unha enfermidade en estado terminal e a detención dun presunto asasino dunha moza que morreu hai 18 anos en Madrid.

A presión informativa sobre os tres asuntos converteu esta semana nunha especie de concentrado de malas noticias que sacudiron de xeito notable a sociedade. O eixe común a todas elas é a xustiza. Nun caso, logrouse deter a un presunto asasino, a pesares de que pasaran case 20 anos desde que se produciu o delito. Noutro, a xustiza iniciou o proceso para xulgar a dous pais, acusados do peor delito que pode facer un pai ou unha nai, que é matar á súa filla. O último ten que ver coa chamada á xustiza para que unha nena terminal poida morrer en paz.

A xustiza é un eixe vertebrador de calquera sociedade democrática e interésame moito como a usamos segundo as necesidades. Sempre reclamamos que a xustiza sexa imparcial e que os feitos sexan os que ditaminen quen é o culpable. Do ocorrido esta semana aprendemos tamén que a xustiza, e polo tanto as persoas que traballan na procura dela, non desisten ante ningún reto e son capaces de ter un caso aberto durante 18 anos para lograr que o asasinato de Eva Blanco non quedara impune. Nesta ocasión, a xustiza gañouse a pulos o máximo respecto e admiración de todos nós.

Pero tamén aprendemos que delegamos na xustiza decisións difíciles de tomar. No caso de Andrea, a rapaza que ten unha enfermidade terminal, prodúcese ese fatal fenómeno no que todas as partes teñen razón, pero o resultado final é irremediablemente terrible. Creo que os pais teñen razón en pedir que se deixe morrer tranquila á nena, despois de 12 anos vendo como a súa filla morría minuto a minuto sen ningún tipo de remedio. Tamén creo que un médico naceu para salvar vidas, e non para deixalas ir, por moi duro que sexa o tránsito. Sen embargo, creo que a solución de acudir a outra terceira persoa, neste caso un xuíz, non é a que Andrea se merece. Agora o seu caso está en mans da xustiza polas dúas partes xa que coincide no mesmo xulgado a petición dos pais de que se cumpra unha lei galega e a petición dos médicos para que se ratifique unha instrución ambigua recibida hai uns meses.

Todo isto é o suficientemente duro para que se reflexione e se valoren todas as posibilidades do mundo, pero penso que a xustiza non está pensada para isto, e as decisións fundamentadas na profesionalidade médica, ética e psicolóxica deberan resolver a situación.

Comentarios