Opinión

No inferno haberá paraíso?

UN BO AMIGO meu, que se dedica ao tema dos bancos, díxome que estaba seguro que ata no inferno había paraísos fiscais. E ten razón, porque desde que existen os cartos sempre houbo lugares opacos e ocultos onde gardar as grandes fortunas.

O de Panamá ten certa importancia. Falamos dun pais que ten como principal industria a súa orografía, o que permitiu crear a maior autopista marítima do mundo. O Canal de Panamá consegue abaratar dun xeito moi importante o tránsito de mercancías entre Asia e Europa e supón unha das causas do gran despegue económico chino e xaponés. Ademais, Panamá e o pais de centroamérica coa maior ascendencia estadounidense, especialmente desde que no ano 1989 George Bush pai autorizou a invasión do pequeno pais para teoricamente restablecer unha democracia que aparentemente rompera Manuel Antonio Noriega. As consecuencias daquela acción, unha vez pasados os tiros, foron unha maior dependencia de Panamá da economía norteamericana e unha serie de acordos estratéxicos para as partes que supuxeron un gran avance na economía dos dous países. A finais do mes de xuño está previsto que se inaugure a ampliación do Canal o que convertirá a Panamá nun país cun potencial crecemento económico moi superior ao actual.

En todo este contexto aparece a variable da credibilidade. Panamá é para occidente un pais serio e confiamos nel para os grandes asuntos comerciais e económicos. Sabemos todos que o respaldo dos Estados Unidos axuda bastante para mellorar esta credibilidade pero hai varios indicadores que de vez en cando fan dubidar da fortaleza desta confianza. Os que se dedican ao mar saben que a bandeira panameña é unha marca asociada habitualmente a buques ilegais e os que se dedican ás finanzas saben que Panamá e un paraíso fiscal que non o parece.

Este río revolto é o lugar máis codiciado para os pescadores de grandes fortunas que conseguen ofrecer a confianza dun pais serio xunto cunha marxe de maniobrabilidade fiscal ás antípodas de calquera pais occidental. Nacen así compañías coma a de Fonseca, cunha carteira de clientes de todo o mundo que buscan esta cadratura do círculo. Pero os tempos cambian e o que antes parecía un secreto ben salvagardado agora é un problema latente.

Desta vez, un grupo de xornalistas logrou acceder a miles de documentos comprometedores e todos os medios de comunicación fixéronse eco do tema. Aqueles que confiaron neste modelo de fachada agora séntense ameazados pola sociedade mundial, defraudados polos panameños e con gañas de berrarlle ao mundo por non deixalos tranquilos. O primeiro ministro islandés xa tivo que dimitir. O primeiro ministro Cameron ten un ataque que lle chega polo lado da familia, algo inusitado na cultura saxona. A familia do maior comunista do mundo, Mao Tse Tung ten que explicar porque tiña millóns de dólares agochados e o presidente arxentino ten que agochar un pouco a bandeira da ética económica.

É boa noticia que se saiban estas cousas pero non é nada bo como se están resolvendo. Os últimos que fixeron algo parecido acabaron no cárcere ou recluídos na embaixada ecuatoriana en Londres. Ao final, o paraíso, sexa no inferno ou sexa na terra, é sempre para os mesmos.

Comentarios