Opinión

Pactar, ceder e aprender

NOS PROCESOS negociadores hai sempre dous puntos críticos. Un é o momento de decidir se se cede ou se impón e outro é se se acepta a proposta do outro. 

Nos dous casos hai varias actitudes que determinarán o éxito ou o fracaso. Uns defenden o consenso, dispostos incluso a renunciar a principios fundamentais a cambio do ben común. Outros defenden a convicción, loitando pola súa propia postura ata extremos insoportables polos outros e delegan na arte da persuasión o final o conflito. Pero tamén é importante determinar o que ocorre se se chega ou non se chega a un acordo. 

O meu admirado colega Manuel Jabois, usa unha frase dalgún célebre que me gusta bastante. Di, que "a clase unida, non colle pola porta". E creo que ten razón. Os dous partidos políticos principais unidos, creo que non collerían por ningunha porta. Sei do modelo alemán e sei doutros acordos que poderían parecer imposibles. Sei tamén dos momentos críticos que se poden vivir na actualidade e da importancia da unión para unha serie de decisións, pero iso non quere dicir que haxa que estar sempre unidos. É máis, a política funciona grazas ás discrepancias nos enfoques, nas prioridades e nas formas de facer, e tentar anular este motor é tentar eliminar o avance social. 

Sen embargo, tamén se debe recoñecer a derrota. O expresidente, Felipe González, dixo hai un par de días que a responsabilidade dos grandes partidos non só se demostra cando se gaña, senón tamén cando se perde. Se un partido non é capaz de formar goberno, como lle pasou ao PP, debera deixar libre o paso para que gobernara o outro. E do mesmo xeito, se o PSOE non é capaz de gobernar, debera asumir o seu rol na oposición. O ocorrido nestes meses demostra que ningún dos dous foi capaz de entender a derrota. É máis, se lemos con algo de atención os discursos dominantes destes días, ningún é derrotado, cando en realidade foron os dous. 

A oposición é unha parte fundamental do goberno, máxime cando o partido que lidera o executivo non ten a maioría absoluta. A importancia do partido do non goberno radica nos acordos puntuais cando é preciso, e nas discrepancias cando tamén son necesarias. Non comprender este rol, é unha claro síntoma de xuventude democrática, que supoño que só o poderá solucionar o tempo. Din que a nova política vai cara vez máis cara os grandes acordos e os pactos de estado entre as partes, pero sen embargo, nunca houbo tanta fragmentación no voto. Dicimos que temos que pornos de acordo, pero votamos dun xeito que resulta imposible. 

Estou seguro que estamos pasando un deses vales que se teñen nun proceso de cambio tan profundo coma no que estamos e que nas vindeiras eleccións tenderemos a ir un pouco máis cara o rego do sentido común. Por sorte, cada día que pasa, a sociedade vai asumindo máis a súa madurez democrática e tampouco está mal que de vez en cando nos equivoquemos. Iso si, sempre e cando asumamos o fracaso e aprendamos o suficiente para non volver trabucarnos.

Comentarios