Opinión

Pobre neno rico

A PSICOLOXÍA social é algo fascinante. É a ciencia que nos permite comprender boa parte dos comportamentos humanos cando vivimos en sociedade e é a que dá explicación a fenómenos coma o pánico colectivo, os gustos, as alegrías, ....

Nestes días houbo dous casos dignos de estudo. O primeiro deles é o de Ethan Couch, un mozo que ao parecer ter unha doenza denominada "afluencia", que poderiamos traducir como "síndrome do neno rico". O paisano en cuestión foi condenado por ir conducindo borracho e provocar un accidente no que morreron catro persoas. O xuíz rebaixou a condena porque entendeu que o chaval estaba acostumado á boa vida e non era capaz de discernir o bo do malo. Outro caso de interese para a psicoloxía é o do famoso cantante Justin Bieber. Este é un rapaz que debe andar polos 22 anos que se fixo famoso por unhas cancións que publicou no Youtube. Resultou ser un ídolo de masas e agora dedícase a dar concertos por aí adiante e a montar escándalos en cada sitio que vai. Cada semana temos noticia dun desplante, dunha chulería, dun incumprimento da lei ou cousas así. Hai un par de días foi expulsado dun xacemento arqueolóxico en México porque quería escalar por unha pirámide, un monumento local. É como se o rapazolo quixera escalar pola fachada de Santa María. Parece ser que non lle gustou moito a prohibición e decidiu montar un show.

Estes son os casos chamativos destes días, pero hai moitos máis a pouco que miren ao seu redor. O comportamento social de fascinación ante a riqueza é algo que vai coa historia da humanidade. O que sempre me asombrou é o condescendencia social que existe coa riqueza fundamentada nas capacidades artísticas e que se mestura coa xuventude. Miles de persoas acoden a cada concerto do Bieber de marras, ou aplauden a lo loco cada xogada de Mesi, sabendo que un é un insoportable e o outro un tipo con problemas serios con Facenda. O mesmo pasa con personaxes coma o Pequeno Nicolás, que vai ser o concursante que máis cobre por participar no programa de entretemento Gran Hermano e que estou seguro que levantará audiencias importantes.

Hai uns anos coñecín a unha muller, a Sra. Carmen, da Pobra do Caramiñal. Estaba eu facendo un traballo sobre a receptividade das audiencias galegas aos programas televisivos e tocoume preguntarlle polo "Noche de Fiesta", un programa de variedades producido por José Luis Moreno. Ela declarábase unha fan incondicional, coma uns cantos centos de miles de persoas en España, pero doume unha resposta que me fixo pensar bastante. A Sra. Carmen dicía que ela quería ver na televisión "ghollas", "mozos ghuapos" e moito luxo, porque para miseria xa a tiña na casa. Supoño que os comportamentos sociais ante paisanos coma os que citei é unha mestura entre envexa, ilusión, admiración e incluso aspiración e sigue sendo máis atractivo un cantante extravagante que un científico que descubre a vacina contra o cancro. Esta é a marabilla de ser un ser humano e ter sentimentos incomprensibles.

Comentarios