Opinión

Pola vella tamén funciona

HAI uns anos era moi frecuente falar dun concepto curioso que ía ser o que nos salvaría da crise do ano 2008. Falábase sen cesar do “cambio do modelo produtivo”, una sorte de planificación económica nova que permitiría non volver caer na tentación de apostar todo a una soa carta económica, que naquel momento dicíase que era a construcción. Os expertos afirmaban que unha economía como a española debería xirar cara outro rumbo. Para uns, o importante era a dixitalización e a aportación de valor a través das tecnoloxías e do emprendemento nas cousas que aínda non coñeciamos. Para outros, o máis importante eran os sectores tradicionais, coma o turismo, porque se as cousas funcionaban ben ata que nos puxemos a facer experimentos.

No medio daquel debate tiven a oportunidade de falar con dous empresarios de éxito que me deron a súa visión. Un, o da vella garda, tentou convencerme que non se trataba tanto de cambiar sectores produtivos, senón de cambiar o xeito de facer as cousas. Aseguraba que ao mellor temos que mellorar os procedementos para non complicarnos tanto a vida, mellorar os mecanismos de producción e de exportación para poder chegar máis lonxe a menor custe, e que ao mellor había que pensar en mecanismos de gasto máis diferidos, sen necesidade de acometer investimentos millonarios con pouco pulmón financiero. Resumiume a súa posición cunha reflexión sobre os préstamos bancarios. Preguntábase o meu amigo, por que cando os créditos estaban a un 15% non había crise e cando estaban a 0% si.

O outro empresario vía as cousas de xeito parecido, pero matizado. Coincidía co primeiro, pero engadiulle que é importante pensar as cousas doutro xeito. Non se trata tanto de cambiar unha industria pola outra, pero si de incluir variables globais que nos farían máis competitivos a todos. “Se queremos facer barcos, aseguraba, temos que facelos como queren os nosos clientes, non como nós pensamos que deben facerse os barcos”. Segundo el, tiñamos que fixarnos máis en modelos asiáticos, capaces de mellorar tanto o xeito de facer as cousas que os facían invencibles en calquera competición.

Esta semana soubemos que inditex vai abrir un centro loxístico na Laracha, un concello da comarca de Bergantiños que non chega aos 12.000 habitantes. Polo tanto, unha das principais empresas do mundo que vende en todos os continentes vai instalar a súa infraestrutura de reparto de prendas a poucos quilómetros do fin do mundo, como dicían os romanos. a decisión de inditex é importante por dúas razóns. Primeiro, porque demostra que o investimento nos sectores tradicionais, como é a moda, pero modernizado en aspectos críticos, como é a loxística, segue sendo un bo negocio. E segundo, porque o lugar xeográfico onde se sitúan estas cousas do século XXI non ten que estar nin en Madrid, nin en París nin en Nova York. Hai moitos sitios do mundo onde se pode crear riqueza e non son certas as afirmacións que só auguran o éxito se vivimos na capital. Por iso, e pola riqueza que se vai xerar na Laracha, cómpre que celebremos esta gran noticia.

Comentarios