miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

Política emprendedora

DURANTE TRES DÍAS tiven a oportunidade de asistir a o maior evento de emprendemento universitario que se celebra en Iberoamérica. Foi unha cita en Santiago, que baixo o nome de Spin2016 xuntou a unhas tres mil persoas interesadas en aprender cómo facer realidade un soño. 

Houbo varias intervencións interesantes. Desde o rapaz que hai cinco anos tivo unha idea na que ninguén cría e agora ten unha empresa de máis de 100 traballadores, ata o experto que contou como de vez en cando hai un fracaso que coloca a cada un no seu sitio. Todos eles foron inspiración para varios centos de mozos e mozas que decidiron probar a sensación de iniciar un proxecto persoal e ser os absolutos responsables do seu traballo. Alí falouse de esforzo, talento e traballo. Repetíronse axiomas coma os de Picasso, como “"que a inspiración me colla traballando”" ou o éxito é "“10% de inspiración e 90% de transpiración"”. Alí se resolveron dúbidas e se deron premios, por máis de 100.000 euros, que serán a semente de proxectos que están no papel pero que precisan un empuxón para chegar á fábrica. 

Pero había algo que interrompía este clima idílico e que nos facía pensar nun mundo mellor cada día que pasa. En todas as pausas, en todos os xantares, en todas as cervexas falábase da política española, do PSOE, do Pedro e máis da Susana e da estratexia ou non estratexia de Rajoy. Boa parte das preguntas dos xornalistas ao presidente Feijoo, que inaugurou o acto, nada tiñan que ver cos proxectos que se presentaban ou dos cartos que se investían. Eran preguntas de se o PSOE lle facilitaría o goberno ao PP ou se se vía como posible sucesor do presidente do goberno. 

Creo que non estaría mal que se fomentase a figura do político emprendedor, que tivera que ir pelexar cos inversores para que apostasen pola súa idea, e que soubera o que supón facer algo sen estar o suficientemente maduro. Tampouco estaría mal que ensinasen a dúas mil persoas as causas e as consecuencias das súas decisión e non pasaría nada, incluso sería bo, que demostrasen que o importante non son as ideas, senón a capacidade de executalas. 

Penso que se debera crear unha escola de emprededurismo para políticos cun só obxectivo: o de ensinarlles que a política é algo o suficientemente serio como para non ter as ideas claras e xogar a unha guerra de egos e de discursos. 

Estamos nun momento no que se xoga coas presións, coas emocións, coas declaracións, pero non cos feitos. Dentro dunhas semanas, cando todo isto pase, asustarémonos da cantidade de horas perdidas que tivemos nun momento onde cómpre marcar follas de ruta cribles para gobernar o pais. 

Sen dúbida, para cambiar o sistema político como moitos anhelan, sería importante crear un proceso que se debera parecer bastante ao que ten que iniciar cada un e cada unha das emprendedoras que todos os días loita porque convencer de que a súa idea merece a pena.

Política emprendedora
Comentarios