Opinión

Por fin chega o final

A MORTE DA banda terrorista ETA, a pesares de ser un morte anunciada, é probablemente a mellor noticia desta primeira parte do século XXI en España. A desaparición de ETA supón tres cousas das que nos debemos sentir moi orgullosos.

Primeiro, que un grupo terrorista, cun obxectivo claro de asustar á poboación a través da extorsión, o secuestro e o asasinato, deixa de actuar. A democracia española foi o suficientemente madura para poder acabar con este grupo dun xeito non traumático, logrando que as disputas políticas se resolvan nos ámbitos políticos e non co terror. Polo tanto, é un claro triunfo da sociedade española, que xa está dando mostras moi interesantes de madurez.

Segundo, que unha banda terrorista entendeu que o camiño dos tiros non leva a ningunha parte e todo o romanticismo da loita armada polos ideais era unha postura que só sirve para o autoconvencemento dos que xa estaban convencidos. É verdade que houbo épocas nas que a loita violenta contra cousas estaba moi de moda en varias partes do mundo. En Colombia, os narcos, encabezados por Pablo Escobar, declaráronlle a guerra ao estado co pretexto de non aceptar os tratados de extradición con Estados Unidos. Neses mesmos anos, os grupos terroristas árabes atentaban contra calquera interese dos Estados Unidos, por ser o país do mal. Varios grupos independentistas en Europa mataban en prol dunha autodenominada liberdade, entre os que estaba a propia ETA pero tamén os de Terra Llure, os de Córcega ou mesmo o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive. Eran tempos difíciles onde grupos, máis ou menos importantes de persoas, non dubidaban coller pistolas cargadas de razóns para lograr unha quimera que non compartía o resto da poboación. Eses temos pasaron, e aínda que agora estamos noutros nos que a violencia se manifesta doutro xeito, sempre é unha boa noticia pechar un libro da nosa historia máis recente que causou tanta dor como sufrimento.

En terceiro lugar, debemos estar moi orgullosos do proceso de desarme e finiquito da banda. Cando un grupo terrorista se desmantela, créase un proceso moi duro no que todo está a piques de desmoronarse. Isto é o que pasou no proceso de remate do IRA, onde naceron grupos díscolos coa estratexia da paz que provocaron varias ducias de mortos no camiño. Pasou coas guerrillas de América Latina, onde se estaba negociando nun lado e matando noutro. E o mesmo pasou en todos os casos onde non se equilibrou ben a actuación policial, que nunca debe desaparecer, coas diferentes negociacións que antes ou despois hai que facer.

España tardou moito en encontrar o punto de madurez para que o conflito rematase pero por fin podemos celebrar que a principal banda terrorista desta parte do mundo pechou a porta.

Hoxe poderán durmir tranquilas centos de familias que non soñarán máis con recibir unha carta de extorsión, nin con mirar debaixo do coche cada vez que se soben a el, nin con marchar da terra que os veu nacer porque o medo era superior ás ganas de vivir.

Comentarios