Opinión

Por qué nos transforma o whatsApp

CALQUERA QUE ande rodeados de rapaces sabe o que é un grupo de whatsapp de pais. É un sistema diabólico que inventamos para estar informados ao segundo de todos os avatares da clase.

Neses grupos eu detecto dúas 'especies' diferentes, que xa foron inventadas no ano 1964 polo filósofo italiano Umberto Eco. Son os apocalípticos e os integrados.

Os apocalípticos distínguense en cinco mensaxes. Son os que tenden ao caos, os que protestan por unha cousa e pola contraria e os que saben infinitamente máis ca o profesor. Coñécense porque tenden a caer no desprezo da profe, entran ao trapo con calquera que lles leva a contraria e sobre todo, porque teñen sempre a mellor opinión de todo o que se discuta, xa sexa de programas docentes ou sobre a calidade das 'plastidecor' do veciño.

Os integrados, son outra cousa. Son os que tenden a informar máis ca opinar, os que de vez en cando lanzan unha mensaxe valorativa sobre os deberes, e os que só contestan a mensaxes cando se senten atacados. Nesta raza tamén están os que o preguntan todo, non por mal, senón porque queren contrastar con infinitas fontes informativas o que o neno ou a nena di na casa.

Todos eles xúntanse na reunión anual coa profesora ou profesor. Alí sentámonos, falamos e a cousa normalmente vai moito mellor que no whatsapp. Ninguén berra nin insulta, as preguntas tenden a ser interesantes e as preocupacións son comúns. A profesora ou profesor contesta e todo vai coma a seda. Xurde entón a pregunta do millón: que raios ten o whatsapp que transforma ao máis tranquilo nun radical?

A resposta é clara: o whatsapp é capaz de destruír a fronteira entre o íntimo e o público provocando unha confusión no emisor. Non é que queira poñerme estupendo coas definicións, pero o móbil é un trebello que provoca certa confusión coas distancias sociais. Todos somos máis recaídos en público que en privado, e todos e todas sabemos que hai cousas de conversa de café cun amigo que non se poden reproducir en público. O móbil é a ferramenta de comunicación social máis potente que xamais existiu pero tamén é a ferramenta tecnolóxica máis íntima que temos cada un. A pouco que pensen, seguro que ninguén de vostedes ten problemas para compartir o sofá vendo unha serie de televisión, ou escoitar a radio con outra persoa no coche. Sen embargo, probablemente si se sintan violentados cando alguén lles colle o móbil para mirar calquera cousiña.

Os espazos de intimidade están variando a unha velocidade anormalmente elevada. Ter o poder de control ábrelle a tentación a calquera que queira controlar. Antes, escoitabamos aos nosos fillos e fillas, e no caso de dúbida, pediamos unha cita co mestre. Agora xa nos damos por informados coas mensaxes dos outros pais, evitando en grande medida falar co profesor. Iso, sen dúbida, é un uso malo, moi malo, das novas tecnoloxías e pouco axudamos aos nosos fillos e fillas se non confiamos neles e descargamos no profesor a nosa ira sen a información suficiente.

Comentarios